Máis de 300 persoas apoian a manifestación de Non Crematorios Pontevedra Leste

Pontevedra
14 de marzo 2014

O portavoz do Partido Popular, Jacobo Moreira, e varios concelleiros do seu grupo municipal acudiron á marcha de protesta contra a instalación dun crematorio en San Amaro, que finalizou ante o Concello coa lectura dun manifesto

Manifestación en contra da instalación dun crematorio en San Amaro /
Manifestación da Plataforma Non Crematorios Pontevedra Leste
Manifestación da Plataforma Non Crematorios Pontevedra Leste

Máis de 300 veciños afectados pola instalación dun crematorio en San Mauro asistiron á manifestación convocada pola plataforma Non Crematorios Pontevedra Leste que se iniciou por un grupo dun cento de veciños dende as inmediacións do cemiterio e, posteriormente, á altura da pasarela en Loureiro Crespo contaron co apoio de arredor doutros douscentos manifestantes que percorreron o centro da cidade ata chegar ao Concello de Pontevedra onde leron un manifesto reclamando que se prohiba a instalación de crematorios a menos de 500 metros das casas.

A manifestación estaba encabezada por dúas pancartas. Nunha delas líase "No crematorios a menos de 500 metros de las viviendas" e na outra facían referencia á xestión municipal sobre o asunto dos crematorios: "Señor Louro = Señor Alcalde. As normas e as leis inxustas están para desobedecelas e cambialas. Nas súas mans está cambialas pola saúde dos cidadáns". Ao mesmo tempo, algúns veciños portaban pancartas nas que aparecían mensaxes como "Concello traidor", "Pola saúde dos nosos fillos" ou "Veciños enganados". Á marcha sumouse o líder da oposición, Jacobo Moreira, que estaba acompañado polos concelleiras do grupo municipal do PP, César Abal e Miguel Ángel Meijón. Moreira sinala que a súa proposta de levar o crematorio ao Polígono do Campiño é a única que non recibiu ningún rexeitamento e afirma que Lores e Louro non poden traizoar o compromiso asumido no seu día cos colectivos contrarios a esta instalación.

O secretario de Non Crematorios Pontevedra Leste, José Antonio Ramírez, apuntou que se mostraba satisfeito polo apoio veciñal "xa que este é un problema de todos" e sinalou que "el cementerio está engullido por la ciudad y se tendrá que clausurar dentro de diez o quince años pero si le instalas crematorios le das vida a ese cementerio porque tendría actividad. Lo lógico sería crear otro cementerio porque este está engullido". Anunciou que trasladarán o tema ao Parlamento de Galicia e acusou o goberno local de ter medo á sanción económica que pode sufrir "si da marcha atrás a este proyecto".

LOURO MIRA CARA A XUNTA

Pola súa banda, o concelleiro de Urbanismo, Antón Louro, defendeu a postura municipal alegando que "o proxecto deriva dun acordo unánime do Pleno da Corporación e depende da autorización final da Xunta de Galicia. Seguimos esperando que a Xunta regule isto a nivel xeral de todo Galicia. Dende o Psoe planteamolo no Parlamento e observamos certa despreocupación por parte da Xunta". E afirmou que está en tramitación a modificación puntual do Plan Xeral de Ordenación Municipal, que recibiu máis de 600 alegacións, que están a ser estudadas por técnicos municipais. E agarda que no prazo de tres ou catro meses poidan resolverse e comprobar se existe algún elemento que poida condicionar o proceso. Sobre o proxecto de Funespaña en San Amaro, Louro indicou que "dende hai moito tempo non temos sinais. Estarán esperando a ver como se resolve todo".