O pleno da Deputación aprobou este venres o expediente para a xestión do servizo de recollida e tratamento de residuos domésticos e asimilables así como a xestión dos puntos limpos nos concellos da provincia.
Ademais a Corporación provincial, agás o grupo socialista, deulle o seu visto e prace ao convenio subscrito co Concello de Pontevedra para a construción dunha planta de compostaxe, con capacidade para tratar 15.000 toneladas de materia orgánica e de restos vexetais, que se situará en terreos da capital malia que Pontevedra non entrará neste consorcio de lixos.
O voceiro do grupo provincial do BNG, César Mosquera, valorou que "a Deputación está a dar un paso valente e arriscado", e engadiu entre outras louvanzas á institución provincial que "fixo un esforzo excesivo, que compartimos", xa que asegurou que "as cousas son complicadas e as veces hai que facer estos esforzos".
Pola súa banda o voceiro do grupo socialista, Santos Héctor, xustificou o voto en contra do PSdeG, dicindo que "este é un modelo dos anos 70, esto non é nada novo, pódese facer moito mellor" e asegurou que este consorcio "non vai a ofrecer un mellor servizo e os veciños van pagar un recibo entre un 10 e un 60% máis caro".
"Vaia vehemencia do señor Mosquera. Felicítolle señor Louzán porque xa ten quen lle faga campaña electoral na provincia", rematou Santos Héctor
"Esta é unha hipoteca de 25 anos moi complicada de xestionar", e rematou Santos Héctor "xa se vé que o BNG ten máis que un pacto co goberno da Deputación. Vaia vehemencia do señor Mosquera. Felicítolle señor Louzán porque xa ten quen lle faga campaña electoral na provincia"
O presidente, Rafael Louzán, interveu no debate plenario para "agradecer a colaboración do Bloque, que dende o primeiro momento creu o mesmo que o Partido Popular nesta iniciativa que é un modelo propio" e contrapuxo esta actitude "á falta de ideas do Partido Socialista".
Louzán indicou que "este debe ser o camiño da Deputación", e citou outros exemplos de servizos que xestiona a institución provincial mediante a encomenda da xestión coma o ORAL, o servizo de recollida de vehículos abandonados ou o centro de atención a animais, entre outros.
A entidade provincial e con carácter supramunicipal xestionará este consorcio de lixos no que participarán inicialmente 18 municipios con poboación inferior aos 50.000 habitantes, tres concellos máis sumaranse nuns meses. En concreto son: Gondomar, Mos, A Cañiza, Covelo, Mondariz, Mondariz balneario, As Neves, Pazos de Borbén, A Estrada, Agolada, Cerdedo, Cotobade, Dozón, Rodeiro, Vila de Cruces, Barro, Ribadumia, Valga, Silleda, Salvaterra e A Lama.
Co seu voto os deputados do Partido Popular e do BNG tamén aprobaron o anteproxecto de explotación e estudo de viabilidade do contrato de xestión desta prestación, que se contratará por procedemento aberto e ao prezo de 159 euros por tonelada.
O proxecto inclúe a distribución de composteiros entre as vivendas dos municipios e a posta en marcha da planta de compostaxe. O proxecto recolle tamén que os municipios adheridos aforrarán 5 millóns de euros.
Está previsto que este plan entre en funcionamento o 1 de xaneiro de 2015, unha vez que saia a concurso para contratar unha empresa adxudicataria. O valor do contrato é de 5,3 millóns de euros, e nos 25 anos que dura a concesión o importe ascenderá a 132,8 millóns de euros.
A Deputación achegará dous millóns de euros durante os dous primeiros anos e os concellos só terán que achegar, en conxunto, 500.000 euros.
A partir do terceiro ano de concesión, os concellos que decidan manter as súas propias ordenanzas municipais terán que achegar unha cantidade anual equivalente á diferenza entre os ingresos previsibles de aplicación da proposta ordenanza provincial e os obtidos coa ordenanza municipal. Á súa vez, aqueles que se acollan á ordenanza provincial, simplemente terán que achegar a recadación das taxas.
EMPREGO
Un total de 31 traballadores de empresas concesionarias dos municipios serán subrogados á empresa de recollida de lixos de toda a provincia que terá un mínimo de 54 empregados.
O investimento inicial que levará a cabo a empresa concesionaria será de 16 millóns de euros destinados a renovar o parque de colectores, os vehículos, a maquinaria e investir en puntos limpos e servizos comúns, todo co obxectivo de ofrecer un servizo coas mellores tecnoloxías de recollida e tratamento de lixos.