Louzán rexeita a "incoherencia" do PSOE por querer forzar a marcha atrás á planta de compostaxe

Pontevedra
10 de outubro 2014

O grupo municipal do PSdeG-PSOE pretende levar ao próximo Pleno da corporación municipal unha moción para que o Concello de Pontevedra anule o protocolo asinado coa Deputación para situar no municipio unha planta de compostaxe

César Mosquera dialoga co grupo socialista antes do Pleno Municipal
César Mosquera dialoga co grupo socialista antes do Pleno Municipal / Mónica Patxot

O grupo municipal do PSdeG-PSOE pretende levar ao próximo Pleno da corporación municipal unha moción para que o Concello de Pontevedra anule o protocolo asinado coa Deputación para situar no municipio unha planta de compostaxe. Os socialistas insisten en que Pontevedra non é o lugar axeitado para unhas instalacións que recibirán os residuos orgánicos de 22 concellos da provincia. O presidente da Deputación de Pontevedra e presidente provincial do Partido Popular, Rafael Louzán, valorou como unha "incoherencia" a decisión do grupo municipal do PSOE, que enmarcou nunha "fraude aos cidadáns respecto ao acordo de goberno", do concello capitalino.

Segundo explicou Agustín Fernández voceiro socialista nesta materia, nun asunto de "gran calado" como este, "que nos condenaría a tener al lado de casa un vertedero de por vida", deben opinar os veciños de Pontevedra. Por iso, propón aparcar este proxecto ata despois das eleccións municipais e que todos os partidos inclúan nos seus programas electorais un "posicionamiento claro" sobre esta planta.

Só así, di, os pontevedreses decidirán co seu voto se están de acordo ou non con este proxecto. A estratexia contraria, suxerida polo concelleiro César Mosquera ao recoñecer que o lugar onde se pretende instalar a planta de compostaxe podería coñecerse despois das eleccións, "es un engaño" e o que se pretende, denunciou, é "evitar el desgaste electoral y aplicar el rodillo después".

Neste sentido, o edil socialista cre que o BNG debería explicar por que se posicionaron claramente en contra a empacadora de Vilaboa a finais da década dos 90 "y ahora sí están dispuestos a acoger la basura". Tras insistir en que "alguna razón oculta debe haber", Fernández apuntou que neste asunto a postura do PSdeG-PSOE "antes y después" sempre foi a mesma. "Estamos radicalmente en contra", concluíu.

REACCIÿN DE LOUZÁN

"Hai un goberno de coalición entre dous partidos, non obstante un goberno di unha cousa e o outro a contraria. Con que programa de goberno se está a gobernar en Pontevedra? ", preguntou o presidente provincial, Rafael Louzán.

Louzán pediu "responsabilidade" neste tema, xa que dixo "hai cuestións que nunca se deberían utilizar". Neste sentido o mandatario popular considera que apostar pola reciclaxe e a protección do medio "está moi ben pero cando se goberna hai que tomar decisións, non se pode mirar para outro lado. Nalgún sitio terase que colocar", dijo Rafael Louzán que ve "incoherente" a posición dos membros do PSOE, xa que "os socialistas son moi dados a dicir unha cousa e facer a contraria".

"Recordo que eu son veciño de Ribadumia, o lixo de Pontevedra e a doutros 20 concellos máis, recíbese 300 metros da miña casa e non teño ningún problema e sufrín unha manifestación como as que sufriron os veciños de Vilaboa que agora mesmo dispoñen dunha zona que podería ter un desenvolvemento industrial e que está convertida en nada", subliñou.

"Xa é hora de descubrirlle a cara aos políticos do Partido Socialista que están a enganar permanentemente"

Visiblemente contrariado polo reacción dos socialistas pontevedreses, Louzán afirmou que "xa é hora de descubrirlle a cara aos políticos do Partido Socialista que están a enganar permanentemente. Non se pode enganar a xente hai que ser responsable". Engadindo que decisións como a do PSOE pontevedrés están "a prexudicar" os intereses dos cidadáns "porque ao final está a custar máis o servizo de recollida de lixo".

Finalmente, en referencia ao Partido Popular, sinalou que "nós cometeremos erros, sen dúbida, pero a nós dannos unha responsabilidade para gobernar e hai que tomar decisións. Eles non, así lles vai. Pasaron de 6 concelleiros en Pontevedra a 3".

Arquivado en