Louro pide 'sentido común' aos representantes dos crematorios

Pontevedra
05 de novembro 2012

O concelleiro de Urbanismo reúnese con dous dos representantes das promotoras dos tanatorio-crematorios e reclama diálogo para atopar unha solución

O concelleiro de Urbanismo, Antón Louro, mantivo dúas reunións con dous dos catro representantes das empresas promotoras da construción dos tanatorio-crematorios. O concelleiro traslado a preocupación do Concello ante o cariz que está a tomar este tema e reclamou "un chamamento ao diálogo entre ás catro iniciativas". Desta forma, espera que se chegue a un acordo entre todos e se poida "levar adiante unha explotación común que estea ben situada e integrada na cultura, na xente e na cidade".

Reiterou que se non se chega a este acordo será difícil que algún dos proxectos que se están a formular poida ter continuidade ante a oposición veciñal. Indicou ademais que dende o Concello "todo ou que fagamos ten que ser dentro das leis e coa máxima esixencia para impoñer o sentido común porque o que está a pasar non ten moito sentido común".

Neste sentido, sinalou que entre algúns dos promotores xa houbo contactos para intentar chegar a un entendemento.

Mañá, Antón Louro manterá un encontro con asociacións veciñais contrarias aos proxectos.