O tenente de alcalde e concelleiro de urbanismo, Antón Louro, instou o voceiro do grupo municipal do Partido Popular, Jacobo Moreira a que "actúe en conciencia" e inste á Xunta a regular a distancia mínima entre os crematorios e as vivendas.
Foi a resposta do edil socialista á moción presentada polos populares no pleno na que demandaban que o goberno local desistise do plan en marcha para regular a instalación de fornos crematorios no municipio. A moción foi rexeitada polo grupo de goberno.
Moreira recordou a importante participación cidadá na manifestación convocada pola plataforma cidadá Non Crematorios Pontevedra Leste para reclamar a Louro que se lle esqueza a modificación puntual do PGOU en marcha e que propoña "unha situación alternativa" que ao seu xuízo, podería ser o polígono industrial da Reigosa.
Neste punto un voceiro da Plataforma cidadá dirixiuse ao alcalde para solicitar quenda de palabra pero Fernández Lores declinou tal petición. Pola contra os concelleiros do PP recolleron o texto de mans dos afectados sendo lido no Pleno por Jacobo Moreira. En síntese a Plataforma alega que "a situación nun barrio de 15.000 habitantes é un erro e vai contra a saúde das persoas".
"Non se pode ser máis demagóxico", espetoulle Antón Louro "e vostede o máis manipulador que hai", dixo.
Antón Louro invitou a Moreira a que "xa que tanta influencia ten na Xunta" inste á consellería de Medio Ambiente a que inclúa no decreto de policía mortuoria as distancias mínimas de separación entre estas instalacións e as vivendas "e logo presuma ante os veciños que foi vostede que resolveu a situación", concluíu.