O concelleiro de Urbanismo, Antón Louro, considera que a proposta elaborada entre a Deputación e o BNG para crear unha planta de compostaxe é unha iniciativa con "compoñente moi electoralista". O voceiro do grupo municipal socialista entende que neste tema é necesario actuar con prudencia e cautela porque os antecedentes doutras plantas deste tipo (A Coruña, Lousame e O Morrazo) "nos producen unha seria insatisfacción".
Louro engadiu que é necesario saber onde se instalará e que se fará con compost porque "a experiencia nos di que o compost non o quere ninguén e alguén manifestou que ía facturar en compost máis de 100.000 euros ao ano, que nos digan onde se fundamenta iso".
Pola súa banda, o concelleiro de Infraestructuras, César Mosquera, anunciou que o venres 16 ás 11.30 horas se asinará na Deputacióno acordo entre a entidade provincial e o Concello de Pontevedrapara potenciar a construción da planta de compostaxe. Segundo explicou Mosquera, abrirase un prazo de dous meses a partir da publicación no Boletín Oficial da Provincia (BOP) para que todos os propietarios da comarca de Pontevedra e zonas próximas interesados en ofrecer espazos para a instalación da planta de compostaxe poidan presentar as súas propostas.
Os predios deberán ter como mínimo dúas hectáreas de superficie. A planta podería instalarse nun polígono industrial ou en terreos catalogados como solo rústico de protección ordinaria ou de protección forestal e non necesitaría, segundo Mosquera, ningún trámite previo por parte da Xunta de Galicia.
O concelleiro indicou que a futura planta de compostaxe trataría entre 70.000 e 150.000 toneladas de residuos orgánicos anuais dos que sairían ao redor de 30 toneladas de compost. Mosquera calcula que un proxecto destas características xeraría 30 postos de traballo e entende que se se cumprisen os prazos establecidos a planta podería estar a funcionar no ano 2017.