O concelleiro de Urbanismo, Antón Louro, quixo mostrar o seu respecto polamanifestación da Plataforma Non Crematorios Pontevedra Lestee apuntou que "no goberno municipal estamos atentos e temos a mellor disposición para buscar entendementos" e, neste sentido, rexeita a posibilidade dun intermediario, como suxiren os afectados, para encontrar unha solución á instalación dos crematorios en Pontevedra.
"Hai ano e medio, cando en Pontevedra había cinco iniciativas empresariais para crear crematorios, actuamos conforme a lei e dacordo coa vontade dos veciños de Pontevedra e seguimos na mesma posición. Certo é que hai algunha iniciativa que foi aprobada nun pleno da corporación e pola Xunta de Galicia", indicou Antón Louro que reclama á Xunta a elaboración e actualización do decreto da policía sanitaria e mortuoria porque "a capacidade dos concellos é limitada".
O concelleiro de Urbanismo considera innecesaria a intervención dun mediador para resolver este conflito porque, afirma, que el está aberto para conversar cos afectados: "hai canles para negociar as diferenzas e sempre tiven as portas abertas para a xente que teña algunha inquedanzaou algún problema, e eu abro as portas as veces que faga falta se iso contribúe a atopar camiños".
Louro indicou que os técnicos municipais están a revisar as máis de 600 alegacións presentadas ante o proxecto de instalación do crematorio en San Mauro.