O concelleiro de urbanismo, Antón Louro, mostrou a súa "tranquilidade" e "plena confianza" ante a decisión das empresas Alianza e Barros S.A. e Pompas Fúnebres Pontevedra S.L. de denunciar a suspensión cautelar do acordo do Pleno polo que se paraliza a concesión de permisos para a construción de crematorios durante un ano.
"Teñen todo o dereito do mundo a presentar este contencioso administrativo contra un acordo plenario unánime da Corporación de Pontevedra e que tivo os informes técnicos preceptivos a favor. Polo tanto isto danos toda a tranquilidade do mundo fronte á situación que crea Alianza e Barros", dixo o teniente de alcalde.
O concelleiro Louro explicou que o Concello de Pontevedra vive agora un momento "moi similar" ao que aconteceu en Alicante "e que foi resolto favorablemente aos plantexamentos que tiña o Concello de Alicante".
A este argumento Antón Louro engade a "solvencia" dos técnicos municipais e que "as casuísticas noutras cidades de España son moi similares e parecidas e resolvéronse dun xeito parecido ao que temos feito aquí en Pontevedra" polo que reiterou a súa "plena confianza" en que "calquera xuiz poida resolver en sintonía co plantexamento do Concello".
O Concello recorrerá sempre defendendo os seus intereses
De non ser así, a Xustiza suspendería cautelarmente a moratoria municipal atendendo os interese das empresas "estariamos diante dunha decisión máis de carácter legal que político", ainda que Louro asegura que "ante calquera cuestión que se suscite o Concello recorrerá sempre defendendo os seus intereses e recurrindo o que faga falta".
Antón Louro confesou que "sinceramente non esperaba" porque a decisión que se ten tomado por parte do pleno era "enormemente sensata e atendía unha demanda social fronte a que o Concello reacciona" ainda que "estabamos atentos a que podía pasar".
Para rematar o concelleiro de Urbanismo sinalou que Alianza y Barros, así como as outras empresas, "ten todo o dereito do mundo a seguir coa súa tramitación de licenza para montar un tanatorio na cidade, outra cousa é que teña que facer unha corrección no proxecto presentado que contemplaba un forno crematorio".