Seguen as críticas do PSdeG-PSOE ao proxecto da planta de compostaxe que impulsan Deputación e Concello de Pontevedra. Desta volta, Antón Louro acusa a PP e BNG de ter un pacto polo que "abriron a porta á conversión de Pontevedra na capital provincial do lixo". De aí que lle pida ao voceiro dos populares, Jacobo Moreira, "un chisco máis de coherencia" ao respecto do proxecto, porque "quere tamén xogar a opositor cando é colaborador necesario".
Así responde o edil socialista á xuntanza que mantivo o PP con asociacións de veciños, ás que lle trasladou que retirará o seu apoio a esta planta se esta conta con oposición social. "Non se pode apoiar unha cousa e a contraria", destaca Louro. "Votar a favor de traer e de tratar dentro do municipio de Pontevedra boa parte do lixo da provincia é incompatible con criticar logo detalles que aínda non se coñecen para o desenvolvemento do proxecto".
En opinión de Antón Louro, "estamos diante dunha simple pose, dun intento de congraciarse cos moitos pontevedreses que están seriamente preocupados por este asunto e polo xeito en que se está a xestionar". Asegura que o proceso que se está a acometer entre as dúas institucións implicadas "resulta moi estraño, está viciado dende o principio e carece do rigor necesario", cando recorda que as competencias son da Xunta de Galicia.
Engadiu que os socialistas teñen sido claros sobre este asunto e durante as últimas semanas houbo contactos con asociacións veciñais para compartir as dúbidas sobre a oportunidade de que Pontevedra lidere unha cuestión que "excede claramente o papel do Concello e causará serios problemas aos veciños, ao medio ambiente e ás economías municipais".
Louro pídelle a Jacobo Moreira que se quere opoñerse á planta de lixo terán unha "oportunidade magnífica" no momento en que o convenio sexa votado no Pleno do Concello. Non obstante, os socialistas, afirmou o portavoz municipal, están convencidos de que o presidente do PP local "volverá obedecer as ordes de Louzán e levantará a man para apoiar a planta".