A plataforma veciñal de Lourizán, que se opón á ampliación da depuradora dos Praceres, vén de propoñer unha nova alternativa para abordar o problema do saneamento da ría de Pontevedra sen ter que aumentar as instalacións actuais da EDAR.
Os veciños coinciden co goberno municipal en sinalar as augas residuais procedentes do porto de Marín como un dos grandes problemas da depuradora. Aseguran que é "surrealista" que desde as empresas situadas en terreos portuarios chegue non só auga salgada senón tamén calamares, graxas e outros produtos do mar.
De aí que consideren "razoable" construír unha pequena depuradora só para o porto, que ocuparía "moi pouco espazo" e revolvería estes problemas.
Ademais, os veciños reiteran que unha solución similar habería que adoptar para o polígono industrial do Campiño-A Reigosa, para evitar que a Praceres cheguen as augas residuais domésticas mesturadas coas industriais, "o que fai que haxa que empregar tecnoloxías físico-químicas".
"Quitando as augas residuais industriais da ecuación, poderían empregarse unha tecnoloxía máis moderna e máis eficaz", asegura a plataforma.
O colectivo veciñal engade que "se é certo que á Xunta lle preocupa algo a contaminación do banco marisqueiro, deberían separar canto antes as fecais e as augas pluviais", algo que entenden debería terse solucionado hai anos porque "cando chove moito, o sistema actual non ten capacidade suficiente e hai que aliviar a carga, de maneira que acaba na ría".
"En lugar de dicir imos separar as pluviais e as fecais para que isto non suceda, a Xunta está a dicir imos facer unha depuradora tan grande, tan grande, que por moito que chova isto non vai volver pasar", lamentan.