Lores ve "contraditorio" que a Xunta fale dunha segunda pasteira e manteña que o traslado de ENCE é "inviable"

Pontevedra
13 de setembro 2021

"É absolutamente alucinante que se diga unha cousa e a outra", sinalou Miguel Anxo Fernández Lores, xa que considera que se existen terreos para que unha segunda fábrica pasteira se instale en Galicia tamén os hai para trasladar a factoría de Lourizán

Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra
Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra / Mónica Patxot

Para o alcalde de Pontevedra resulta unha "contradición flagrante" que a Xunta de Galicia defenda "ao mesmo tempo" que en Galicia hai sitio para dúas pasteiras, como apuntou o seu presidente, Alberto Núñez Feijóo, e que "non hai alternativas" para a actual fábrica de Ence

"É absolutamente alucinante que se diga unha cousa e a outra", sinalou Miguel Anxo Fernández Lores, xa que considera que se existen terreos para que unha segunda fábrica pasteira se instale en Galicia tamén os hai para trasladar a factoría de Lourizán.

O apoio "incondicional" do PP ás teses de Ence, segundo Fernández Lores, provoca que o goberno galego "nos queira tomar por parvos" tanto aos cidadáns de Pontevedra como aos propios traballadores da empresa.

O rexedor pontevedrés reiterou que a Xunta "ten todas as competencias" para buscar unha alternativa para a fábrica de Ence, ao ser o máximo responsable en Galicia de materias como ordenación do territorio, industria, medio ambiente ou economía.

Polo que apostou o executivo autonómico, lamentou o alcalde, é pola "inoperancia" e pola "deixadez" nas súas funcións, o que demostra ao seu xuízo a "incompetencia manifesta" do goberno que encabeza Núñez Feijóo.

"O PP está a defender os intereses da empresa e non os intereses xerais da cidadanía, como debería facer unha forza política que está no goberno", afirmou Lores, que se remontou a 2012 como a data na que os populares "cambiaron de tocata e se entregaron con armas e bagaxes aos intereses de ENCE e aos seus accionistas" 

Tras apuntar que isto se fixo "de moitas maneiras e por entregas", Lores enumerou entre elas os cambios na lei de costas, a prórroga "ilegal" a Ence, o acordo dun plan social "para comprar vontades" ou o apoio a unha posición de "presión violenta" contra o Concello.

O alcalde de Pontevedra tamén subliñou que á proposta da Xunta e de Ence para buscar solucións xurídicas á actuación situación da fábrica de Lourizán, na mesa de traballo celebrada o pasado venres, "se lles dixo claramente que é imposible".

"Non só é que sexa ilegal", advertiu Fernández Lores, senón que o Estado aclarou que para iso habería que modificar a Constitución porque os terreos de dominio público marítimo terrestre "son alienables e non se poden vender".

Tampouco cabería a posibilidade de cambiar a súa catalogación urbanística ante a sentenza da Audiencia Nacional, polo que reiterou que a única saída é o traslado a un punto onde exista un polígono industrial ou crear un novo con carácter estratéxico.

A este respecto, o alcalde asegurou que se o Concello tivese as competencias en ordenación do territorio e industria e os recursos económicos dos que dispón a Xunta "seriamos quen non de manter os 500 postos de traballo senón de manter ou crear eses 5.000 postos de traballo que di Ence que ten".

OS TRABALLADORES: "SI HAY SITIO PARA OTRA PASTERA, QUE DIGAN DÓNDE"

Tampouco gustaron as declaracións do presidente galego entre os traballadores de Ence. A presidenta do comité de empresa das oficinas da compañía pasteira, Ana Cedeira, sinalou que "si hay sitio para otra pastera, que digan dónde está".

"Si lo hay que lo pongan encima de la mesa", insistiu Cedeira, que recoñeceu que os traballadores "estamos cansados de ser la pelota que va rodando de una administración a otra como si no significáramos nada".

A representante sindical afirmado que "si están tan seguras" todas as administracións que hai unha localización posible para poder facer unha nova fábrica "que todos sean consecuentes, responsables, hagan sus deberes y lo pongan encima de la mesa".

"Nosotros planteamos una solución que no ni gusta ni al Estado ni a Lores, pero era una solución. Nosotros sí hicimos los deberes, ellos no", resolveu a presidenta do comité.

Arquivado en