A decisión do Tribunal Supremo de rexeitar os incidentes de nulidade presentados polo Concello de Pontevedra e a Avogacía do Estado contra a sentencia que concede a permanencia de Ence en Lourizán ata 2073 non fai que o Goberno pontevedrés se mova da súa pretensión de que a factoría deixe a Ría de Pontevedra.
Este martes, despois de coñecer esta última decisión do Supremo, o Concello asegurou que xa estuda o seguinte paso xudicial para seguir loitando contra a permanencia de Ence na ría e en Lourizán.
O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, está seguro de que "hai cidadáns preocupados e desacougados" e quixo trasladar a toda a poboación que "manteñan a confianza en que o Concello vai seguir loitando por todas as vías posibles para recuperar a ría".
"Temos dereito a reubicar a industrias que están en dominio público e tamén preto de núcleos importantes de poboación", sinalou Lores, que está convencido, "e cada vez máis", de que "non hai desenvolvemento económico nin de emprego sen respecto polo medio ambiente. É a nosa obriga deixar aos novos fillos e netos un planeta mellor".
O Concello de Pontevedra recibiu na tarde deste martes o auto do Tribunal Supremo, que é contrario aos intereses municipais, tal e como foi a sentenza. Unha vez recibido, desde o Goberno local queren deixar claro que a resolución era "previsible" e incluíase xa dentro da folla de ruta xudicial elaborada polo Concello, da man dos servizos xurídicos municipais.
Desde o Concello sinalan que o auto omite por completo as dúas cuestións que alegaban no seu incidente de nulidade: falta de resposta ás peticións contidas na demanda e vulneración da tutela xudicial.
Ante esta situación, o Concello xa estuda posibles accións adicionais ao respecto deste auto, e con carácter previo á presentación dun recurso de amparo ante o Tribunal Constitucional e, de ser o caso, o inicio da vía xudicial europea.