Lores, sobre o escrache de Elnosa: "Non é a primeira vez nin será a última. Xa nos rebentaron un pleno"

Pontevedra
03 de maio 2017

A Miguel Anxo Fernández Lores non lle sorprende que os traballadores de Elnosa decidisen facer un escrache contra el. O BNG, asegura o alcalde, é o único partido que ten unha posición "coherente" sobre este asunto. E téñeno claro, nin Elnosa nin Ence poden continuar na ría. "A min non van facer variar. Baten nun ferro duro", advertiu

Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra
Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra / Mónica Patxot

A Miguel Anxo Fernández Lores non lle sorprende que os traballadores de Elnosa decidisen facer un escrache contra el. O BNG, asegura o alcalde, é o único partido que ten unha posición "coherente" sobre este asunto. E téñeno claro, nin Elnosa nin Ence poden continuar na ría. "A min non van facer variar. Baten nun ferro duro", advertiu.

Nunha rolda de prensa, Fernández Lores explicou que o goberno municipal está "acostumado" a este tipo de mobilizacións. "Non é a primeira vez nin será a última", lembra o alcalde, xa que os traballadores de Elnosa acompañados dos de Ence "xa nos rebentaron un pleno" e realizaron pintadas na cidade contra o Concello.

Detrás desta estratexia está, segundo o alcalde, a "relación entre Comisións Obreiras e ou PP". 

Lores recoñece que este tipo de concentracións "sempre molestan", porque os políticos "teñen dereito á súa intimidade". Pero en todo caso asegura que "vai co cargo" e que os traballadores de Elnosa planean un escrache contra el "porque non llo poden facer a todos os pontevedreses que están por recuperar a ría".

Os traballadores de Elnosa planean un escrache contra el "porque non llo poden facer a todos os pontevedreses que están por recuperar a ría", di o alcalde

El representará, dixo, a todos estes cidadáns que "defenden que recuperar a ría é o normal", e que son "maioría" en Pontevedra. Farao "con orgullo", xa que explicou que "se teño que sufrir un inconveniente como este fareino en nome dos veciños que manteñen unha posición coherente neste tema".

O alcalde lembrou que a oposición á continuidade de Ence e Elnosa na ría "forma parte" do posicionamento do BNG, polo que "estamos facendo o que dixemos que íamos a facer". Especialmente no caso da cloreira, unha industria que cualificou como "contaminante e perigosa", que supón unha "bomba de reloxería" na ría de Pontevedra.

Aos traballadores, Lores díxolles que "se equivocan" coa súa estratexia e recomendoulles que lle esixan ás administracións "competentes" e á propia empresa que busquen unha localización "alternativa" para a súa actividade. Esta solución, dixo, é "posible" e así se recollía nos "convenios" asinados no seu día coa Xunta.

Arquivado en