Lores pide que a A-57 teña o "mínimo impacto" pero defende o "interese xeral" da autovía

Pontevedra
09 de novembro 2023

Para o alcalde de Pontevedra, a A-57 é unha "demanda histórica" da cidade e considera que "a única pega é que se tarde tanto" en executar esta infraestrutura. "Non podemos paralizala máis do que está paralizada e iso o ten que entender todo o mundo", sostivo

Obras da A-57 no viaduto de Vilaboa
Obras da A-57 no viaduto de Vilaboa / Mónica Patxot

Tras oito anos de obras, aínda non hai data para o final das obras do primeiro tramo da A-57, entre Vilaboa e A Ermida. Pero, mentres tanto, o Goberno segue avanzando na tramitación do resto da autovía, que prevé chegar ata Barro e conectar alí coa AP-9.

É neste momento onde, unha vez máis, volve rexurdir o rexeitamento veciñal a esta autovía. Os afectados polo trazado proposto para o segundo tramo, entre A Ermida e Pilarteiros, alertan de que supoñerá a destrución de gran parte do rural pontevedrés.

Piden ademais a "máxima implicación" da cidadanía e, especialmente, dos partidos políticos municipais, para frear un trazado que tería un "enorme impacto ambiental".

Pero para o alcalde de Pontevedra, a A-57 é unha "demanda histórica" da cidade e considera que "a única pega é que se tarde tanto" en executar esta infraestrutura. "Non podemos paralizala máis do que está paralizada e iso o ten que entender todo o mundo", sostivo.

Despois de aprobarse o trazado, o Goberno contratará a elaboración do proxecto construtivo e de execución, onde o Concello pedirá que o itinerario previsto teña o "mínimo impacto posible" para os veciños que residen nas zonas máis próximas.

"Non hai ningunha obra que non teña afectación", subliñou Miguel Anxo Fernández Lores, que reclamou que se atenda ás reclamacións dos afectados e que, chegado o caso, se lles pague un "prezo xusto" polas propiedades que lles teñan que expropiar.

Asegura que, no caso das obras impulsadas polo Ministerio de Transportes, Movilidad e Axenda Urbana -antes Fomento- "sempre foi así" e aos veciños correspondéuselles "adecuadamente", sen que lle consten queixas a este respecto.

Pontevedra, segundo o alcalde, "quere que se rematen as súas Infraestruturas", especialmente unha autovía que funcionará como circunvalación da cidade e que será unha alternativa "libre de peaxe" á AP-9, conectando todos os polígonos industriais da comarca.

Arquivado en