Lores lamenta que o presidente da Xunta recomende ao Concello "que abandone o seu dereito a defender a ría"

Pontevedra
29 de marzo 2023

Lores preguntábase este mércores cal foi a proposta durante o últimos catorce anos do Partido Popular no executivo galego en relación coa actividade económica e industrial da capital do Lérez

Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra
Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra / Mónica Patxot
"Non se cortan en criticar a actitude do Concello, que responde a unha parte importantísima da cidadanía, de rescatar a ría " /

Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra, respondía este mércores ás declaracións do presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, nas que convidaba ao Concello de Pontevedra a evitar a presentación de recursos xudiciais contra a decisión do Tribunal Supremo de aprobar a prórroga de Ence en Lourizán ao entender que "habería que deixar que, con todos os requirimentos ambientas máis estritos, unha industria moi importante para Pontevedra e toda Galicia poida traballar e crear riqueza con toda a seguridade xurídica".

O rexedor pontevedrés lamentou que o vicepresidente Francisco Conde e o máximo dirixente da Xunta, Alfonso Rueda, recomenden ao Concello a que "abandone o seu dereito a defender a ría". A continuación, Lores preguntábase cal foi a proposta durante o últimos catorce anos do Partido Popular no executivo galego en relación coa actividade económica e industrial da capital do Lérez. 

Afirmou que desde a Xunta de Galicia se puxeron todas as trabas do mundo para sacar adiante o polígono do Vao 2; rexeitouse a ampliación do polígono do Campiño; e non se impulsaron actuacións industriais no municipio desde a administración autonómica.

Lores: "Non sei que lle fixo Pontevedra ao Partido Popular"

"E saen o vicepresidente económico e conselleiro da Xunta e o presidente, que viven en Pontevedra, a dicir o que temos que facer respecto ao noso territorio porque queremos recuperar a ría", expuxo Fernández Lores.  "Non sei que lle fixo Pontevedra ao Partido Popular", sinalou o alcalde confirmando que non se realizou ningunha actuación en relación á creación de postos de traballo, espazos industriais nin ampliación de polígonos durante os últimos anos en Pontevedra.

"É sorprendente e mostra o pouco interese que ten Pontevedra para o PP", argumentou o rexedor que continuou criticando a actitude dos máximos responsables da Xunta:  "e despois non se cortan en criticar a actitude do Concello, que responde a unha parte importantísima da cidadanía, de rescatar a ría; na liña do que se discute no mundo en canto a reubicación de empresas que están mal colocadas, loita contra o cambio climático e recuperación de zonas marítimo terrestres".

Lores afirmou que o Concello continuará na mesma liña: "vamos loitar por terra, mar e aire coa esperanza de que se atendan os argumentos xurídicos porque a apertura de expediente da Unión Europea nos dá esperanza de que se poida reverter, xa que non se atende a dereito e vai contra a recuperación da liña marítimo-terrestre en todo o litoral do Concello de Pontevedra".

O alcalde indicou que a Xunta de Goberno extraordinaria, a través dos representantes do goberno local, aprobara a continuidade da defensa xudicial do Concello en relación con Ence e a contratación dun equipo liderado polo exministro Francisco Caamaño para manter a batalla xudicial co obxectivo de que a fábrica pasteira abandone a ría pontevedresa.