O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, non ocultou a "gran sorpresa" que supuxo no goberno municipal a decisión do Tribunal Supremo de revogar as sentenzas da Audiencia Nacional e avalar a continuidade da fábrica de Ence en Lourizán.
"É un fracaso do Estado de dereito", sentenciou Fernández Lores, que compareceu esta tarde en rolda de prensa para valorar o fallo do alto tribunal que, segundo engadiu, é "dificilmente entendible" para a cidadanía e demostra que Ence ten "dereito de pernada".
O alcalde asegurou que "nunca deixarei de loitar por todas as vías posibles, por terra, mar e aire, para cumprir o soño da grandísima maioría dos pontevedreses de ver a ría sen Ence" e, a este respecto, explicou que os servizos xurídicos do Concello decidirán que vía tomar.
Será despois de que estuden a sentenza que, segundo o propio Supremo, tardará aínda uns días en publicarse e que recolle o voto particular da maxistrada Ángeles Huet, contraria á decisión adoptada polo resto dos maxistrados que analizaron esta cuestión.
Lores lembrou que a pelexa do Concello contra o Estado, primeiro, e o "gran capital" despois, "foi sempre desigual" e ironizou, parafraseando a Quevedo, que este fallo xudicial mostra como "poderoso caballero es Don Dinero".
"A ver como se explica nas facultades de dereito como se di unha cousa e a contraria nun prazo de seis meses", subliñou o rexedor pontevedrés, que lamenta que a decisión do Supremo supoña "cargarse a lei de Costas e a protección e recuperación do noso litoral".
Con respecto ás reaccións que xerou o fallo favorable a Ence, Lores considera que é "incomprensible" que dous pontevedreses como Alfonso Rueda e Rafa Domínguez, "queiran tan mal" a esta cidade "como para facer campaña para que esta industria pesada siga na ría".
Ademais, criticou ao Goberno central por non ser "consecuente" coa loita contra o cambio climático, acusándoos de que "cando hai que tomar decisións non se toman", contribuíndo a "perpetuar" agresións ao medio ambiente como a actividade de Ence.