O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, decidiu forzar ao Consello de Administración da Autoridade Portuaria de Marín e Ría de Pontevedra a que debata sobre a implantación dun porto seco como alternativa para a situación de empresas e servizos que actualmente están nas instalacións, pero que poden ver perigar a súa situación ante a sentenza que ilegaliza os recheos e tamén ante a falta de espazo que presenta xa a infraestrutura.
Despois de haber intententado en varias ocasións que o Consello analizase a súa proposta sen éxito, enviouna por escrito para que "se inicien e impulsen" os trámites e xestións necesarios, de tal forma que "cando haxa outra reunión, se trate".
O concelleiro de Urbanismo de Pontevedra, César Mosquera, explicou a situación este venres nunha comparecencia na que explicou que o Concello non quere que o porto seco se execute xa, senón que se realicen todos os trámites para que, cando sexa necesario, xa estea todo preparado, pois segue pasando o tempo" sen que se tomen medidas ao respecto e pode darse a situación de que finalmente teña que executarse a sentenza pola que se ilegalizaran os recheos e as instalacións portuarias resulten insuficientes, coa necesidade de situar servizos e empresas nunha situación alternativa. A súa proposta é que todo estea tramitado e, se finalmente non é necesario usar os terreos como porto seco, "déixase como polígono industrial ordinario".
A proposta asinada por Lores (como vogal do Consello de Administración) con data 11 de setembro xa se entregou e pide que se debata e vote entre os conselleiros habilitar o presidente da Autoridade Portuaria, Jose Benito Suárez Costa, para o inicio "á maior brevidade posible" das xestións necesarias para tales efectos, pois é necesario buscar unha solución aos problemas de espazo cos que actualmente conta o Porto.
O alcalde pontevedrés propón que se impulsen as xestións con outras administracións públicas a nivel estatal, autonómico e local para a urxente planificación, ordenación, obtención e preparación dun chan apto para a dotación e implantación deste porto seco ou dunha plataforma loxística intermodal/empresarial para usos industriais, comerciais ao de servizos complementarios ao do porto.
Segundo explicou Mosquera, o Concello propuxera no seu día instalar ese porto seco no polígono pontevedrés de Leborei (Cerponzóns) porque "era o que reunía ás condicións que fixaba o Porto" e mantén que esta situación é boa, pero non a única, senón que están abertos a calquera outra, tanto dentro coma fóra do termo municipal de Pontevedra. Non obstante, para dicir que situación é a apropiada, antes haberá que esperar a que o Porto decida que condicións debe cumprir.
"Depende da superficie que queiran", explica, pois, no caso de Leborei, cumpre as condicións porque "permite ampliar" e porque tería conexión por ferrocarril, que eran as condicións sinaladas a última vez que se realizou un debate público sobre a materia. Se non se considera requisito o acceso do tren ou se quere unha superficie inferior, habería outros terreos que poderían destinarse a ese uso.