Lores cualifica de "absolutamente insultante" o tratamento dos orzamentos da Xunta de 2023 cos cidadáns de Pontevedra

Pontevedra
21 de outubro 2022

Lores amósase "preocupado" polos orzamentos que se presentaron esta semana e considera "moi decepcionante" que non recollan ningún dos proxectos de futuro que ten Pontevedra, como o convento de Santa Clara e a recuperación ambiental da Ría de Pontevedra e dos ríos Gafos e Lérez e a zona da Xunqueira

Miguel Anxo Fernández Lores
Miguel Anxo Fernández Lores / Mónica Patxot

O proxecto de orzamentos da Xunta de Galicia supón, para Pontevedra e os seus cidadáns un tratamento "absolutamente insultante". Así o considera o alcalde da cidade e líder do BNG, Miguel Anxo Fernández Lores, moi crítico coas contas do Goberno galego.

Lores amósase "preocupado" polos orzamentos que se presentaron esta semana e considera "moi decepcionante" que non recollan ningún dos proxectos de futuro que ten o Concello de Pontevedra. 

Fala, en concreto, do convento de Santa Clara, recentemente adquirido polo Concello, e da recuperación ambiental da Ría de Pontevedra e dos ríos Gafos e Lérez e a zona da Xunqueira, para os que "non hai ningunha mención" nas contas autonómicas para 2023. 

O proxecto de Santa Clara aínda está en fase de definición, pero, a preguntas dos xornalistas, Lores considera que o que bota en falta é "unha referencia" do Concello nos seis tomos do proxecto orzamentario. 

Para Miguel Anxo Fernández Lores, os orzamentos para o vindeiro ano son "ao trantrán", ademais de "rutineiros" e "burocráticos", pois tan só recollen "o que obrigatoriamente teñen que recoller", isto é, aquelas obras que están en execución como o Gran Montecelo, o novo emisario submarino ou a estación intermodal, para os que ve inevitable que recollan partidas "para a súa continuidade".

Lores amósase especialmente defraudado polo tratamento da Xunta ás estradas autonómicas que pasan por Pontevedra, pois son da súa competencia e "ten a responsabilidade de resolver os problemas de seguridade vial", pero non contempla ningunha mellora máis aló de "500 metros nunha estrada de 5.000", a estrada vella de Marín. 

Bota de menos proxectos para a estrada de Vilagarcía, a estrada O Pino-Bora á altura do núcleo de centralidade parroquial de Marcón ou a estrada de Campo Lameiro ao seu paso por Lérez e critica que a Xunta retire dos orzamentos a Variante de Alba. Este último proxecto pasa dun orzamento de 500.000 euros en 2022 a 90.000 para 2023.

Fronte a esta falta de proxectos en estradas autonómicas en Pontevedra, mira cara a proxectos que si se executan con perspectiva de seguridade vial como os que se executaron en municipios como Sanxenxo. Ademais, lembra que o anterior presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, esquecera as estradas pontevedresas e o novo responsable, Alfonso Rueda, a pesar de ser de Pontevedra, segue na mesmas liña. 

Estes primeiros orzamentos de Rueda como presidente centrarán a reunión que manterá con Lores o vindeiro martes e o alcalde aínda amosa "esperanza de que o presidente recapacite". 

Lores amósase disposto a "seguir colaborando" coa Xunta, pero pide ao Goberno galego a mesma "lealdade" institucional que ten sempre o Concello

Arquivado en