Lores celebra que Bruxelas "coincida plenamente" coa loita do Concello por recuperar a ría

Pontevedra
16 de febreiro 2023

O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, asegura que o ditame de Bruxelas "reafirma" a posición municipal sobre Ence. Entende que a Comisión Europea "coincide plenamente" coa loita emprendida por Pontevedra para recuperar a ría e recolocar a fábrica pasteira

Recepción de Fernández Lores a estudantes de Arquitectura que traballan sobre os terreos de Ence
Recepción de Fernández Lores a estudantes de Arquitectura que traballan sobre os terreos de Ence / Mónica Patxot

O procedemento aberto por Bruxelas contra España pola xestión das concesións en liña de costa foi moi ben recibido no Concello de Pontevedra. O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, asegura que este ditame "reafirma" a posición municipal sobre Ence.

"Este requerimento vén a confirmar e avalar o noso posicionamento", asegurou Fernández Lores, que entende que a Comisión Europea "coincide plenamente" coa loita emprendida por Pontevedra para recuperar a ría e recolocar a fábrica pasteira.

O goberno municipal está "convencido do que está facendo e con todo o orgullo do mundo", sostivo o alcalde, que advertiu que "nós nos imos deixar de loitar" pola saída da factoría pasteira de Lourizán e a devolución duns terreos "roubados" á cidadanía. 

O rexedor reiterou que existen "moitísimos argumentos" que apoian esta postura, aínda que o Tribunal Supremo "só se ativo a un destes argumentos" sen atender o resto, entre eles a lei de patrimonio ou a necesidade de convocar un concurso público en caso de prórroga. 

"Temos vías xurídicas para seguir traballando, independentemente do sentido común e do desexo da poboación de recuperar a ría", segundo Lores, que avanzou que o Concello decidirá que camiño tomar tras estudar a sentenza do Supremo "en profundidade".

CARMELA SILVA: "ESTAMOS NO LADO QUE HAI QUE ESTAR"

Respecto desta resolución da Comisión Europea pronunciouse tamén a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, que celebrou que "estamos no lado que hai que estar" en materia de recuperación de espazos naturais degradados.

Silva sostivo que "temos a razón" cando o goberno provincial defende a recuperación dos "lugares máis valiosos da natureza", sacando deles todo tipo de edificacións e apostando por renaturalizarlos. "Estamos satisfeitos de estar onde hai que estar", resolveu.

César Mosquera, pola súa banda, lembrou que "non é a primeira vez" que Europa dá un tirón de orellas a España pola xestión das súas costas e considera que existen "motivos de fondo" que avalan que empresas como Ence non sigan ocupando terreos costeiros.

"Estamos convencidos de que os que cantan vitoria porque esto está acabado cando menos están sendo imprudentes", engadiu Mosquera, que insta a esperar á sentenza do Tribunal Supremo, pero seguro de que "dubido moitísimo" que este asunto termine aí.