Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra, analizaba a sentenza do Tribunal Supremo horas despois de recibila no Concello.
Indicaba que hai unha "cuestión negativa" na resolución ao non retrotraerse á Audiencia Nacional, cuestión que para o rexedor "non se axusta a dereito" e mesmo considera "inaudito" porque en casos similares non se actuou da mesma forma.
Con todo, entende que a resolución do Tribunal abre novas posibilidades. Por unha banda, a través do expediente sancionador incoado pola Unión Europea ao Estado polo incumprimento da directiva de servizos e, por outra banda, o "contundente voto particular" dunha maxistrada que se recolle na decisión do Supremo contraria á prórroga, onde se reflicten cuestións expostas polo Concello de Pontevedra e que "non foron tratadas na sentenza", apuntou Fernández Lores.
Nesta liña afirmou que as coincidencias co voto particular céntranse en que non é posible que haxa 105 anos de concesión en espazo público, "iso sería saltarse todas as directivas da Lei de Patrimonio e as directivas europeas" e, entre outros puntos, tamén destacou a referencia ao recurso presentado pola Unión Europea de apertura de expediente sancionador. "Aínda que houbese posibilidade de prórroga, non é posible que se conceda á mesma empresa sen facer un expediente aberto, esa é a directiva de servizos", apuntaba Lores.
O alcalde manifestou que xa deu ordes para que os servizos xurídicos municipais utilicen todas as posibles vías de recurso. "Esta sentenza é un fracaso do Estado de Dereito", reiterou afirmando que vai contra a Lei de Costas e contra a posibilidade de protexer o litoral de Pontevedra. "Confirma que no século XXI poderoso caballero es don dinero", explicou o máximo representante do goberno local.
Nas súas declaracións referiuse a aquela cidadanía que está preocupada tras coñecer a decisión do Tribunal e lanzou un chamamento de esperanza: "que manteñan a confianza porque o Concello de Pontevedra vai seguir loitando por todas as vías posibles para recuperar a ría".
Insistiu en que "temos dereito a reubicar as industrias en dominio público e estou cada vez máis convencido de que non hai desenvolvemento económico nin emprego nin futuro sen respecto polo Medio Ambiente". "Nós vamos a seguir loitando porque cremos que temos a razón, porque a deu a Audiencia Nacional", argumentou.
Sinalou que a situación de Ence na ría segue sendo un "pelotazo como a copa do pino" ao producirse un agravio comparativo fronte a outras empresas.
En relación coas posibilidades xurídicas que se abren, Lores non quixo entrar en detalles pero aseguraba que se utilizarán todas as vías, unha delas será a de recorrer ao Tribunal Europeo.