Lanzan unha campaña para concienciar sobre o uso sostible e eficiente dos recursos de auga doce

Pontevedra
27 de xullo 2022

A Deputación asina un convenio coa Federación Galega de Medio Ambiente para a realización dunha campaña cara a reducir a pegada hídrica na provincia

Chorros de auga
Chorros de auga / Juan Mejuto

A Deputación de Pontevedra vén de asinar un convenio coa Federación Galega de Medio Ambiente (FEGAMA) para a realización dunha campaña para reducir a pegada hídrica na provincia. 

A través dunha achega de 36.200 euros a institución provincial colaborará coa Federación concienciando sobre un uso sostible e eficiente dos recursos de auga doce a través dunha guía de recomendacións, dunha canle web, de espazos de encontro informativos, de material de apoio e tamén a de redes divulgativas.

Na campaña darase conta da necesidade de facer un uso sostible dos produtos que dependen da auga, así como da importancia de conservar e preservar o Medio Ambiente. Tamén se darán recomendacións á cidadanía para que poidan tomar decisións axeitadas á hora de mercar alimentos e outros produtos en función da pegada hídrica. Para elo, elaborarase unha guía de recomendacións con consellos sinxelos para que a poboación en xeral poida achegar o seu gran de area na redución da pegada. Esta guía contará cun código QR que conectará cunha web con contidos en formato dixital e información complementaria.

Crearase tamén unha canle web específica, instalada na propia páxina de FEGAMA, onde se proporcionarán contidos sobre a pegada hídrica, vídeos divulgativos, infografías e entrevistas que darán soporte á información e garantirán que sexa clara e accesible. Ademais levaranse a cabo 16 espazos de encontro informativos presenciais, tanto en oficinas da rede de FEGAMA como en feiras de distintas localidades da provincia de Pontevedra nas que, a través dun stand móbil, distribuiranse dípticos, folletos e tamén infografías. Tamén se distribuirán os materiais en centros educativos e a través das redes sociais.

O concepto de pegada hídrica foi introducido en 2022 por A. E. Hoekstra e P. Q. Hung como o acumulado de toda a auga necesaria para a produción contida en todos os bens ou servizos consumidos polas persoas dun país. España ten unha das pegadas hídricas máis altas do mundo, ocupando o oitavo lugar do ránking mundial e o segundo posto de Europa, por iso cómpre concienciar á poboación da provincia para reducir o uso da auga e impulsar o uso sostible da mesma.

 

Arquivado en