José Miñones, delegado do Goberno central en Galicia, sinalaba este mércores que o Executivo de Pedro Sánchez destina 310 millóns de euros para levar a cabo actuacións na cidade durante este 2021. Así o manifestaba durante a súa primeira visita protocolaria ao Concello de Pontevedra, onde mantivo un encontro co alcalde Miguel Anxo Fernández Lores, que lle trasladaba as demandas do goberno local.
Entre os proxectos que están pendentes se atopa a apertura do novo tramo do paseo peonil a Marín.
Segundo indicou Miñones, está a buscarse desde Costas a solución xurídica para abrilo. Recoñeceu que o contrato inicial completaba toda a obra e non se podía abrir só una parte pero espera que durante este verán se axilice e se abra para o seu uso. Nese sentido sinalou tamén que o segundo tramo previsto está pendente do modificado para ofrecer as garantías suficientes en relación coa pilotaxe na ría, segundo tamén recoñeceu o alcalde.
E o terceiro proxecto para conectar completamente Pontevedra con Marín a través desa vía peonil vai estudarse atendendo a diferentes alternativas que poidan garantir a seguridade viaria. Miñones afirmou que se están realizando estudos para poder levar a cabo un futuro proxecto.
A-57
En relación cunha das infraestruturas que para o alcalde resulta fundamental como é a A-57, denominada popularmente a "circunvalación de Pontevedra", o delegado do Goberno afirmou que o tramo Vilaboa-A Ermida é a autovía que se executa con maior ritmo en Galicia. Trátase dun tramo de 6,2 km e conta cun orzamento de 62 millóns de euros.
Nestes momentos, a obra xa foi realizada nun 58%, engadiu José Miñones e avanzou que os tramos da Ermida-Pilarteiros e Pilarteiros-Barro continúan en proceso de tramitación. Estes dous percorridos contan con 15 quilómetros e un investimento de 240 millóns de euros. Sinalou que xa se realizaron os trámites de impacto ambiental e os estudos para avanzar nesta obra.
NÓ DE BOMBEIROS
O delegado indicaba que a conexión de Bombeiros atópase pendente da firma do convenio entre o Goberno e a empresa adxudicataria da autoestrada Audasa.
"As obras afectan á concesión", recoñeceu para admitir que o Ministerio de Transportes está a estudar a proposta do convenio do Concello para a permuta de terreos do actual emprazamento do Parque de Bombeiros.
En todo caso, avanzou que espera que neste 2021 se liciten as obras porque se destinou unha partida de 2,3 millóns de euros para estes traballos, dos 7 que se proxectan para toda a actuación.
MOSTEIRO DE SAN SALVADOR DE LÉREZ
Tamén fixo referencia na súa comparecencia á actuación incorporada ao Plan Estatal Xacobeo co investimento de 1,5 millóns de euros para poñer en valor o Mosteiro de San Salvador na parroquia de Lérez. Indicou que aínda non contan co proxecto previsto pero asegurou que o orzamento está aprobado dentro das actuacións de melloras en relación co Xacobeo.
SEDE DE FACENDA
Sobre o edificio que ocupaba o Ministerio de Facenda en San Francisco, o delegado lembrou a transferencia que o Goberno realizara en 2019 ao Ministerio de Cultura para convertelo en sede do Arquivo Histórico Provincial.
Manifestou que nos orzamentos deste ano hai unha pequena partida para a rehabilitación pero remitiuse ao Plan de Recuperación para abrir o proxecto cun investimento de nove millóns de euros, coa implicación da Deputación de Pontevedra para realizar esta obra.
OUTROS INVESTIMENTOS
José Miñones comentáballe a Fernández Lores que o actual executivo é o máis cumpridor e o que máis investiu en Pontevedra. Enumerou que o Ministerio para a Transición Ecolóxica dedica máis dun millón de euros para renovar a iluminación nas parroquias de Verducido, Santa María de Xeve e San Andrés de Xeve.
Tamén destacou o investimento en vivenda a través de convenios que ascenden a máis de 300.000 euros para rehabilitar o núcleo de Estribela e o conxunto histórico de Pontevedra.
Ademais, fixo referencia ao escudo social para protexer a ao redor de 83.000 persoas que pasaron por un ERTE e a preto de 33.000 profesionais autónomos afectados pola crise provocada pola pandemia con 2.900 millóns de euros investidos na provincia para colaborar con diferentes sectores.