Inicio inminente do proceso de renovación de 2.500 luminarias en Poio

Poio
14 de febreiro 2023

O proxecto supón un investimento próximo aos 920.000 euros e debe estar rematada antes do 30 de setembro

O concelleiro Gregorio Agís supervisa a renovación de luminarias en Poio Concello de Poio

O concelleiro de Promoción Económica e Urbanismo, o socialista Gregorio Agís, confirma xa está todo listo para que en vindeiras datas dean comezo os traballos para renovar preto de 2.500 luminarias en todo o municipio.

A actuación, impulsada por este departamento municipal, está financiada nun 80% a través de fondos xestionados ante o IDAE, mentres que o 20% será asumido polo propio Concello.

Agís explica que a obra xa está a piques de comezar, logo de que culminase toda a tramitación previa, que finalizou coa adxudicación do proxecto á empresa Setga, que presentou a mellor oferta no concurso de licitación. O orzamento total ascende a 918.000 euros.

“Esta é unha proposta que consolida e reafirma a filosofía que vimos marcando desde hai ano no que ao consumo eficiente e aforro enerxético se refire”, explica o concelleiro do PSdeG-PSOE, que incide en que, ademais dunha mellora substancial do servizo, a instalación das novas luminarias ‘LED’ tamén suporá unha importante redución no que a custos se refire.

Tal e como figura nos informes elaborados polos técnicos, estímase que o aforro que se acadará unha vez finalizada a instalación total chegará a preto dos 70.000 euros anuais.

“Estamos a falar dunha actuación de vital importancia, nun contexto no que o prezo da luz pode chegar a oscilar de xeito notable en prazos moi curtos de tempo”, apunta o titular de Promoción Económica e Urbanismo, que tamén incide na importancia de dar cumprimento aos obxectivos marcados pola Axenda 2030 no que se refire a eficiencia, sostibilidade e respecto polo medio ambiente.

Gregorio Agís confirma que estes traballos deberán estar rematados antes do 30 de setembro deste ano. “Este é un paso definitivo para renovar o 100% do alumeado municipal”, conclúe o concelleiro do Goberno municipal, que lembra que o número total de unidades rolda os 6.000 aproximadamente. “Nestes anos xa fomos renovando en diferentes lugares”, puntualizou.