Inditex pecha as súas tendas Bershka de Pontevedra e Vilagarcía e recoloca o persoal en Vigo

Pontevedra
18 de xaneiro 2023

Así llo comunicou a empresa este martes a todo o persoal de ambos os establecementos, unha decena de traballadoras en cada cidade. Forma parte do plan de optimización das súas tendas físicas posto en marcha por Inditex en 2020. Supón manter os seus mesmos contratos en Vigo e un plus de transporte

Tenda Bershka en Benito Corbal Mónica Patxot

O grupo Inditex pecha a finais deste mes de xaneiro as súas tendas da marca Bershka en Pontevedra e Vilagarcía de Arousa. Así llo comunicou a empresa este martes a todo o persoal de ambos os establecementos, conformado por unha decena de traballadoras en cada cidade.

A empresa notificoulles a decisión e tamén lles ofreceu a posibilidade de recolocación nun novo local que abrirá en Vigo. A nova tenda situarase na rúa Urzáiz, nun local que até hai uns meses ocupaba a marca Zara e quedou baleiro tras o seu traslado a unha macrotenda na rúa Príncipe. 

Fontes do grupo confirmaron o peche, que está previsto para o día 30 deste mes de xaneiro. 

Segundo puido saber PontevedraViva, o peche destas tendas de Pontevedra e Vilagarcía forma parte do plan de optimización das súas tendas físicas posto en marcha por Inditex no ano 2020, que incluía o peche de entre 1.000 e 1.200 establecementos en todo o mundo, entre 250 e 350 en España. 

Tras coñecer a decisión do peche, as traballadoras mostraron sorpresa e malestar, pero a empresa tranquilizounas coa oferta da recolocación, que supón manter os seus mesmos contratos en Vigo e tamén un plus de transporte, segundo o acordado no seu día na negociación deste plan de optimización entre Inditex e os sindicatos UXT e CC.OO..

Nese plan tamén se abriu a porta a recolocación noutras tendas doutras localidades e os sindicatos e a multinacional téxtil pactaron que os novos contratos sexan de calidade. Ademais, a recolocación é inmediata. 

A nova tenda de Urzaiz ten moito maior tamaño que as que actualmente existen na rúa Benito Corbal de Pontevedra e na rúa Arcebispo Lago de Vilagarcía. Isto implica que haberá opción de recolocación para todas as traballadoras dos puntos de venda que van pechar.