Incendio forestal en Poio nas proximidades da ponte da AP-9 sobre a ría

O lume orixinábase arredor das 09.00 horas deste domingo 31 de xullo nun espacio arbóreo na contorna da zona da Puntada no municipio de Poio. O intenso fume pode verse desde diferentes puntos da ría espertando a alerta entre a cidadanía. No lugar atópanse efectivos tentando apagar totalmente as lapas

Incendio na contorna da Puntada en Poio
Incendio na contorna da Puntada en Poio / PontevedraViva

Ao redor das 09.00 horas orixinábase un incendio na contorna da zona da Puntada, na parroquia de San Salvador, no Concello de Poio, nun espazo arbóreo, lindeiro coa ría de Pontevedra.

O intenso fume obsérvase desde distintos puntos da ría e chama a atención da cidadanía de Pontevedra, ao atoparse nas proximidades da ponte da autoestrada AP-9 que cruza a ría, entre Poio e Pontevedra.

Na zona atópanse traballando diferentes efectivos, entre os que se atopan sete voluntarios de Protección Civil de Poio cun vehículo de intervención e motobomba, para tentar extinguir totalmente as lapas e evitar a súa expansión cara ás vivendas que se atopan nas proximidades. Nesta xornada rexístranse fortes ventos do nordeste con forza de 4 a 5 pola mañá. 

Arredor das 11.30 horas, os servizos de extinción consideran que o lume está controlado. Ata o lugar desprazáronse, ademais de Protección Civil de Poio, dúas brigadas de extinción da Xunta de Galicia, efectivos da Policía Local e da Garda Civil.