Tres homes de nacionalidade portuguesa foron sorprendidos este domingo en Bueu por axentes da Garda Civil de Tráfico transportando unha vintena de centolos capturados de forma irregular.
O vehículo no que viaxaban foi parado nun control e, unha vez identificados os seus ocupantes, os axentes acharon no seu interior un salabardo que contiña dezaseis centolas, cun peso aproximado de 25 quilos.
Esta especie estaba en veda ata hoxe luns.
A Garda Civil incautou o marisco e tamén os útiles que levaban para a pesca submarina.
Os ocupantes da furgoneta foron denunciados por dúas infraccións administrativas, sancionadas pola vixente Lei de Pesca de Galicia: por pescar especies en época de veda e pescar en lugar non autorizado.
O marisco comisado entregouse no comedor benéfico das monxas de Marín.