Caldas de Reis dará a benvida ao Nadal este sábado 30 cun espectacular acendido de luces que incluirá música en directo e diversas sorpresas.
O evento, que comezará ás 19.00 horas na praza das Palmeiras, contará coa actuación da Mecánica Rolling Band, unha electrocharanga de Negreira que amenizará a festa cunha posta en escena que inclúe un escenario móbil con efectos especiais.
O momento culminante chegará ás 20.00 horas co acendido oficial das 540.858 luces micro led, distribuídas en 67 arcos e 148 elementos decorativos por toda a vila.
Segundo informou o tenente de alcalde Manuel Fariña, este ano incrementouse en máis de 200.000 o número de luces respecto ao ano anterior, mentres que o consumo apenas aumentou en 500w, alcanzando un total de 17.830w.
A iluminación, que abrangue 1.161 metros cadrados, permanecerá acesa ata o 6 de xaneiro, en horario de 18:00 a 02:00 horas, ampliándose nas noites de Noiteboa e Fin de Ano.
"Non só faremos máis atractivas as rúas para a xente, senón que ao mesmo tempo será máis sostible a nivel de consumo", destaca Fariña.
O Concello complementará esta decoración cunha nova edición do 'Concurso de Decoración de rúas do Nadal', que repartirá 600 euros en vales para o comercio local.
O tenente de alcalde dá importancia a esta dinamización para fomentar o comercio local durante as festas e invitar a visitantes a pasar pola vila caldense.