Identificados oito mozos como autores da queima de colectores en Juan Bautista Andrade e Médico Ballina

Pontevedra
13 de febreiro 2023

A Policía Local logrou identificar a este colectivo de mozos, con idades comprendidas entre os 18 e 20 anos, que ocasionaron tamén danos en cubos dunha exposición municipal e na fachada dunha vivenda. O Xulgado do Penal leva o caso e os danos causados só nos colectores elévase a 13.794 euros

Estado en que quedaron os colectores incendiados en Juan Bautista Andrade
Estado en que quedaron os colectores incendiados en Juan Bautista Andrade / Concello de Pontevedra

O Concello de Pontevedra quere mostrar o seu rexeitamento aos actos vandálicos e xa se trasladou ao Xulgado do Penal a denuncia do incendio de contedores nas rúas Juan Bautista Andrade e Médico Ballina.

Ao longo das últimas semanas, a Policía Local investigaba estes feitos que se rexistraban ás 06.30 horas do domingo 29 de xaneiro cando un particular denunciaba os danos ocasionados a nove contedores; á fachada dunha vivenda como consecuencia das chamas derivadas do incendio nos contedores; e a uns cubos dunha exposición municipal que foron derrubados.

Segundo informaba Anabel Gulías, portavoz do goberno local, os danos causados soamente nos contedores ascenden a 13.794 euros, aos que habería que sumar os custos dos bombeiros e os danos xerados na vivenda.

No transcurso da investigación realizada por axentes da Policía Local, e a través das cámaras situadas na zona, localizáronse oito persoas que foron identificadas na Rúa do Cordón, todas elas maiores de idade, con idades comprendidas entre 18 e 20 anos, veciñas de Pontevedra e da contorna. 

O Concello de Pontevedra estuda a posibilidade de comparecer na causa emprendida contra os presuntos autores destes actos vandálicos.