Hifas da Terra, 'ameazada' pola A-57: "A autovía destrózanos. Sería inviable seguir en Galicia"

Pontevedra
15 de xaneiro 2019

A autovía A-57 segue deixando damnificados ao seu paso. Primeiro foron os veciños de Marcón, que sufriron toda unha 'navallada' nunha das súas paraxes naturais: o monte da Fracha. Agora, coas obras do primeiro tramo xa en marcha, a mesma sorte poderían correr zonas de Xeve e Bora, parroquias polas que continuará o seu trazado

Catalina Fernandez de Ana, directora xeral de Hifas da Terra
Catalina Fernandez de Ana, directora xeral de Hifas da Terra / Mónica Patxot

A autovía A-57 segue deixando damnificados ao seu paso. Primeiro foron os veciños de Marcón, que sufriron toda unha 'navallada' nunha das súas paraxes naturais: o monte da Fracha. Agora, coas obras do primeiro tramo xa en marcha, a mesma sorte poderían correr zonas de Xeve e Bora, parroquias polas que continuará o seu trazado.

A tramitación administrativa do tramo A Ermida-Pilarteiros avanza sen descanso. Fomento baralla dúas alternativas, unha máis próxima a Pontevedra e outra máis afastada, nas que se investirá un mínimo de 100 millóns de euros, segundo cifras do Goberno. Pero canto máis se sabe deste proxecto maior é a indignación entre os propietarios dos terreos afectados.

Un deles é a empresa Hifas da Terra, toda unha referencia no campo biotecnológico galego. Conta con varias liñas de negocio firmemente consolidadas, que van desde a alimentación ou os cultivos de plantas forestais, fungos e cogomelos ata a aplicación destes produtos en campos como a cosmética ou a biomedicina aplicada ao ámbito oncolóxico.

Tras case vinte anos de actividade, a compañía deu o salto ao mercado internacional e, ademais de ter bases estables en Alemaña, Francia ou Reino Unido, os seus produtos son moi demandados en países tan diversos como Estados Unidos ou China. E agora, debido á autovía A-57, a súa continuidade está seriamente ameazada.

Así o recoñece a súa directora xeral Catalina Fernández de Ana. En declaracións a PontevedraViva, denuncia que unha das alternativas -a número 2- "destrózanos", xa que por medio dos seus viveiros pasaría un viaduto de 800 metros de longo e 60 de alto, que afectaría por completo a toda a súa produción.

Os seus cultivos son "moi sensibles" ao ser completamente ecolóxicos e naturais "e nos queren cruzar unha autovía de catro carrís", o que supoñería "contaminación e ruído" sobre as súas delicadas plantacións. 

"Sería inviable seguir aquí", explica Fernández de Ana. Non só en Bora, onde a súa actividade esténdese ao longo de dez hectáreas situadas na ribeira do río Almofrei, dando traballo a un centenar de persoas, entre persoal fixo e eventual.

A fundadora de Hifas da Terra ten claro que "nos iriamos de Galicia e de España porque non podemos vivir nesta inseguridade xurídica", lamentando que tanto eles como os particulares afectados apenas teña "capacidade de defensa" despois de que "alguén desde o seu despacho" decidise que a autovía "nos destroce a vida".

Catalina Fernández de Ana tamén rexeita a outra alternativa que estuda Fomento porque entende que, aínda que non lles afecta directamente, supón unha "brutalidade" contra o medio natural e os seus efectos notaríanse mesmo no ecosistema do río Lérez. Ademais, asegura que dividiría a Bora en dous e limitaría o crecemento de Pontevedra.

"Non ten sentido facer unha autovía paralela á AP-9. É incomprensible", subliña a directora xeral da empresa, que insta a Fomento a descartar este proxecto e traballar para lograr a gratuidade da autoestrada e "abandonar o modelo da burbulla inmobiliaria".

Xunto coas alegacións que presentan pola vía administrativa, a asociación de veciños de Bora e Hifas da Terra iniciaron unha petición a través de Change.org dirixida ao Goberno para frear a autovía e que o "pequeno gran paraíso natural" das ribeiras do Lérez e do Almofrei non sufra a "barbarie ecolóxica" que supón a continuidade da A-57 polo trazado previsto.

Arquivado en