Habilitan un segundo aparcamento público no Camiño Real de Combarro

Poio
19 de xullo 2022

Trátase dunha parcela, xestionada polo Concello, que estará aberta para uso libre e ten un acceso peonil a Camiño Real que facilitará o tránsito a pé desde este lugar ata Combarro. Nos últimos días os operarios municipais procederon á posta a punto do terreo

Aparcamento público no Camiño Real de Combarro
Aparcamento público no Camiño Real de Combarro / Concello de Poio

O goberno municipal de Poio vén de habilitar un segundo aparcamento público no Camiño Real, en Combarro, para paliar os problemas de estacionamento que hai na vila.

Trátase dunha parcela, xestionada polo Concello, que estará aberta para uso libre e ten un acceso peonil a Camiño Real que facilitará o tránsito a pé desde este lugar ata Combarro.

"Está pensado para todas aquelas persoas que visiten a vila ou que vaian realizar algunha xestión", destacou a concelleira de Seguridade Cidadá, Marga Caldas.

Nos últimos días os operarios municipais procederon á posta a punto do terreo. Agora reforzarase a sinalizacion vertical, con indicadores para facilitar a localización da parcela.

Este espazo súmase ao terreo habilitado xa desde hai varias semanas tamén nas inmediacións do Camiño Real. Nese caso, son varias prazas de estacionamento só para persoas residentes. 

Ademais, o Concello tamén estableceu controis de 24 horas en todo o estacionamento libre para garantir a súa rotación, unha medida que desde o goberno municipal consideran "necesaria" para lugares de alta incidencia turística como Combarro.

Marga Caldas fixo fincapé en todos estes traballos que está a levar a cabo o Concello de Poio para dar resposta "no menor tempo posible" á demanda de espazos para aparcar en Combarro.

Esta necesidade, segundo a concelleira, complicouse nos últimos tempos polo "bloqueo" por parte de Portos de Galicia á hora de permitir a dotación de prazas de estacionamento no Paseo das Redeiras, así como nas parcelas con acceso á PO-308.

Nesta última localización, a pesar de estar consensuadas cos veciños, "non podemos habilitalas ata que non teñamos o proxecto de mellora da estrada, dado que incumpren os parámetros mínimos de seguridade", indicou a representante municipal.