A ONG Greenpeace lamentou a decisión do Tribunal Supremo "que permitirá a Ence seguir danando a ría de Pontevedra", ao estimar os recursos expostos contra a sentenza da Audiencia Nacional que anulou a prórroga da empresa pasteira.
Greenpeace lamenta a decisión da xustiza que avala a prórroga de 60 anos concedida á papeleira en 2016 polo goberno en funcións de Mariano Rajoy.
"Esta sentenza non permitirá que se libere o dominio público marítimo-terrestre da ría de Pontevedra dunha actividade altamente lesiva e que resulta incompatible coa Lei de Costas, pois podería desenvolverse en calquera outro lugar", valorou nun comunicado a ONG.
Para Greenpeace, "a presenza de Ence na ría non está xustificada tal e como declarou a Audiencia Nacional e a pesar da decisión do Tribunal Supremo", pois, segundo argumentan, "impide recuperar a marisma de Lourizán para o patrimonio natural galego, para o ben común e restaurar o desastre xerado nos últimos 60 anos".
Na súa reacción esta organización ambientalista asegura que "o agasallo feito polo entón ministro de Medio Ambiente, Miguel Arias Cañete, ao reformar a Lei de Costas favorecendo determinados intereses privados como o de Ence e desprezando o impacto ambiental sobre a costa recibiu o visto e prace do Tribunal Supremo".
"A pesar de todos os argumentos de peso, o medio ambiente hoxe sae perdendo", declarou Manoel Santos, coordinador de Greenpeace en Galicia.
Por último, Greenpeace manifestou que seguirá traballando "con ferramentas como a concienciación social, a investigación, a incidencia política, a defensa xurídica e a acción directa non violenta, pola preservación do litoral e a salvagarda do medio mariño no seu conxunto, incluíndo as marismas de Lourizán".