Goberno e oposición enfróntanse de novo polo crematorio da Reigosa

Ponte Caldelas
20 de xullo 2015

O goberno local asegura que a reforma do Plan Sectorial pretende afianzar o polígono e favorecer a instalación de novas empresas, pero busca unha maior protección ambiental e sanitaria para os veciños que residen na súa proximidade. Dende o PP reiteran que a proposta de modificar o proxecto sectorial do polígono impediría que se instalasen empresas como Aludec ou a conservera Orbe

Crematorio da Reigosa
Crematorio da Reigosa

O equipo de goberno do Concello de Ponte Caldelas e o grupo municipal do PP reavivaron o seu enfrontamento pola construcción do crematorio no polígono da Reigosa.

Segundo o goberno local a modificación do Plan Sectorial deste Parque Empresarial podería ter impedido a construción do actual crematorio a tan curta distancia de zonas habitadas, como sucede nestes momentos, polo que acusan ao voceiro do Partido Popular, Perfecto Rodríguez de "volver mentir aos veciños".

Pola súa banda, dende o PP reiteran que a proposta de modificar o proxecto sectorial do polígono "impediría que se instalasen empresas como Aludec ou a conservera Orbe".

Así mesmo, o equipo de goberno reiteran a súa "aposta irrenunciable" por conciliar a necesidade de favorecer a instalación de empresas no polígono e "unha maior protección ambiental e sanitaria para os veciños que residen na súa proximidade" evitando que proxectos empresariais que poidan acarrexar algún risco neste sentido póidanse instalar en parcelas próximas ás casas de núcleos habitados.

O actual goberno de Ponte Caldelas, ao modificar o Plan Sectorial do polígono industrial da Reigosa, prentende "impedir que se repitan as atrocidades do pasado", e asegura que o que está a facer é "escoitar as demandas que reiteradas veces realizaron os veciños e veciñas deste municipio, cuestión que non realizou o anterior goberno: nin escoitar, nin modificar. Se se tivese modificado o plan sectorial poderíase ter impedido a construción do actual crematorio", indican.

Replica o PP que quen decide se unha empresa ou unha instalación pode ou non contaminar "é a normativa ambiental e os órganos que comproban a súa aplicación, e non un alcalde ou un grupo de veciños baseándose na desinformación sen ningún criterio técnico".

Por iso, Perfecto Rodríguez explica que o que conseguirían Andrés Díaz "e os seus lugartenentes de AVP se prosperase a súa proposta, é que no parque empresarial da Reigosa non puidese instalarse case ningunha empresa, agás os simples almacéns".