A formación política Galica en Común presentaba unha pregunta parlamentaria ao Goberno sobre a tramitación que realiza a Xunta de Galicia de licenzas para acometer obras de mellora na planta de Ence que se atopa situada en Lourizán sen ter en conta as tres sentencias que a Audiencia Nacional emitiu anulando a concesión da prórroga realizada polo goberno de Mariano Rajoy en 2016 para manterse na súa actual localización.
Precisamente a empresa pasteira comprometeuse a executar esas obras en 2016 atendendo á prórroga que o Goberno central lle concedera ata 2073. Contaba cun período de dous anos para a súa realización, pero as obras nunca chegaron a emprenderse. Galicia en Común no seu escrito indica que a propia empresa incumpriu os termos da concesión ao non realizar eses traballos.
Antón Gómez-Reino, líder de Podemos en Galicia, afirma que a Xunta permite a Ence facer e desfacer ao seu antollo porque "os intereses son compartidos" e acusa á Xunta de estar a tramitar con normalidade as solicitudes de licenza da empresa para levar a cabo esas melloras ambientais.
O Goberno central tamén confirmou a Galicia en Común que, ata o momento, non recibiu proposta algunha de Ence nin da Xunta de Galicia con alternativas á súa actual localización na ría de Pontevedra. Gómez-Reino advirte ao goberno de Feijóo de que debe buscar unha nova localización para Ence e deixar de tratar de "burlar a legalidade mediante artimañas que non van a ningún lugar".
A agrupación política xa presentou outras iniciativas ao Goberno sobre a situación da fábrica pasteira, entre elas, preguntou se o Ministerio de Transición Ecolóxica realizou algunha inspección da caldeira de recuperación despois das declaracións do CEO de Ence, Ignacio de Colmenares, alertando da posibilidade dun "susto ambiental maiúsculo".