Funespaña segue adiante co seu proxecto de crematorio para San Amaro. Así o trasladou este mércores o subdirector xeral da empresa, José Vicente Aparicio. "Nunca hemos dicho lo contrario", afirmou tras a reunión que mantivo con membros da plataforma NON Crematorios Pontevedra Leste e os portavoces de Partido Popular, PSdeG-PSOE, Marea e Ciudadanos. Ao devandito encontro non acudiu ninguén en nome do goberno municipal.
A súa tramitación "va más lento de lo deseable", recoñeceu o directivo da empresa xa que "por nosotros le hubiésemos puesto un turbo". Funespaña esperaba, sinalou, empezar a construír as súas novas instalacións en Pontevedra este mesmo ano, pero os trámites administrativos e o informe que ten que emitir a Xunta de Galicia impedíronllo. "Llevamos doce años con esto", lamentou.
En todo caso, José Vicente Aparicio avanzou que Funespaña estaría disposta a negociar outras alternativas, vía permuta de terreos, pero asegurou que ditas propostas "no tiene que presentarlas la empresa". Ata agora "no hemos recibido ninguna" e se chegan nun futuro "las analizaremos para decidir si son interesantes y nos permite realizar el proyecto que queremos". Iso si, reiterou que "sin nada concreto delante no podemos decidir".
En San Amaro contémplase "otro nivel de servicios" máis aló dun mero crematorio, explicou o directivo da firma funeraria. Proxectan crear "espacios de servicios conjuntos" que incluirían salas de atención ás familias, tanatorios, salas de cerimonia "para que cada cual personalice el rito o la despedida como lo quiera realizar" e, por suposto, un crematorio que terá que cumprir, dixo, unha normativa ambiental cada vez máis esixente.
Pero para esa posible permuta, Aparicio sinalou que o proxecto polo que aposta Funespaña só sería posible nas proximidades dun cemiterio porque realizar a atención ás familias nun lugar para logo trasladarse a outro onde estea situado o forno crematorio provocaría "incomodidades" nun momento no que os familiares do falecido "están emocionalmente rotos y sin ganas de moverse".
VECIÑOS E OPOSICIÓN BUSCARÁN ALTERNATIVAS
Con respecto a estas posibles alternativas, tanto os veciños como os partidos da oposición adquiriron o compromiso de buscar unha localización alternativa para este proxecto, a pesar de recoñecer que coas esixencias que expón a empresa e a normativa aprobada actualmente en Pontevedra non será fácil. En todo caso, desde a plataforma veciñal aseguran que "se hai vontade consíguense as cousas".
Os veciños lamentan que "estamos abandonados" polo goberno municipal e pídenlle que sexan eles os que busquen ditas alternativas "que as hai", xa que avanzan que "non imos permitir que se constrúa alí o crematorio", e farán un control constante das obras que vaian realizar. "Queremos vivir en paz", aseguraron tras a reunión, na que criticaron a ausencia do alcalde ou dalgún membro do BNG.
O máis escéptico sobre esta posible saída é o portavoz socialista, Agustín Fernández, que mantivo a postura que o PSdeG-PSOE ten desde o ano 2009 sobre este asunto. "Estamos a favor do crematorio", afirmou o edil, xa que entende que é un servizo "absolutamente necesario" para Pontevedra e que a localización elixida, á beira do cemiterio, é "razonable". Aínda así afirmou que "se hai negociacións para outra alternativa, non imos interferir".
Con todo, Fernández entende que "a estas alturas da película" pensar en cambiar de localización para este proxecto é "complicado" e afirma que politicamente "se pode entender que sacamos o problema dun sitio para levalo a outro" e reiterou que "nós apostamos por esa localización, votamos por ela e seguimos crendo que é a mellor".