Fomento garante que a A-57 chegará ata Curro

Pontevedra
08 de febreiro 2017

Técnicos da demarcación provincial de Estradas do Estado confirmárono nunha reunión que mantiveron co alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, e o concelleiro de Infraestruturas, César Mosquera. Esta continuidade era unha petición expresa de Pontevedra, ao entender que unicamente co tramo en execución, entre Vilaboa e A Ermida, a autovía non tería sentido como circunvalación da cidade

Obras de construción da A-57 en Marcón
Obras de construción da A-57 en Marcón / PontevedraViva

A autovía A-57, cuxo primeiro tramo está en construción, enlazará coa autovía do Salnés en Curro (Barro). Así o garante o Ministerio de Fomento, segundo trasladou este mércores o Concello de Pontevedra, tras a substitución da pontevedresa Ana Pastor por Íñigo de la Serna á fronte desta carteira.

Técnicos da demarcación provincial de Estradas do Estado confirmárono nunha reunión que mantiveron co alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, e o concelleiro de Infraestruturas, César Mosquera.

Esta continuidade era unha petición expresa de Pontevedra, ao entender que unicamente co tramo en execución, entre Vilaboa e A Ermida, a autovía non tería sentido como circunvalación da cidade.

Fomento explicou que as obras da A-57 van "segundo o previsto" e, engadiu Mosquera, están a realizarse con "lentitude" pola petición do Concello de ser "moi coidadosos" coas afeccións que poidan provocar as obras na zona, especialmente na Fracha.

A previsión é que este tramo de 6,5 quilómetros, nos que se invisten 74 millóns de euros, estea terminado a finais de 2018 ou principios de 2019, segundo os cálculos de Fomento.

O segundo tramo da A-57, que unirá A Ermida con Pilarteiros (Xeve), sairá a exposición pública "nun meses", asegurou o edil do BNG. É o paso previo a iniciar as expropiacións e a consecuente licitación da obra, que esperan que se produza ao longo de 2018.

Máis atrasado está o tramo que completaría os 21 quilómetros de autovía, entre Pilarteiros e Curro (Barro). César Mosquera explicou que Fomento aceptou as alegacións presentadas con respecto á conexión da A-57 co macronó de Curro e a autovía do Salnés. Actualmente estase tramitando a declaración de impacto ambiental.

Arquivado en