Femupo alerta do probable incremento de casos de violencia de xénero en xullo e agosto

Pontevedra
04 de xullo 2023

A Federación Pola Igualdade da Provincia de Pontevedra anima a usar os servizos de apoio e de denuncia contra a violencia machista. Un informe do Instituto de Saúde Carlos III, de 2021, amosa que no verán, de maneira histórica, se produce un aumento de casos de violencia contra as mulleres coincidindo coas vacacións

Raquel Touriño, presidenta de Femupo, (á dereita) nun acto de presentación dun libro
Raquel Touriño, presidenta de Femupo, (á dereita) nun acto de presentación dun libro / FEMUPO

Un informe elaborado polo Instituto de Saúde Carlos III, de 2021, no que se analizaban datos de violencia contra a muller entre 2003 e 2017 mostraba como durante o verán rexístrase un aumento nos casos de violencia de xénero. Nese período de estudo comprobábase como, durante os meses de xullo e agosto, se cometían máis asasinatos machistas.

Nesta análise descartábase a existencia do efecto contaxio, pero indicaba que xullo e agosto son o primeiro e o terceiro mes que máis asasinatos acumulaban con 86 e 81 vítimas de feminicidios íntimos. O segundo mes con máis vítimas era xaneiro, con 83. 

A Federación Pola Igualdade dá Provincia de Pontevedra (Femupo) expón estes datos e traslada tamén que o Ministerio de Igualdade, durante o verán de 2022, recolleu o dato dun incremento do 20% no número de chamadas ao teléfono de atención a vítimas de violencia de xénero (016) en comparación co ano anterior. Segundo Femupo, este incremento mostra que moitas vítimas se atoparían con dificultades para buscar axuda durante as vacacións, cando permanecen máis illadas ou carecen de acceso aos seus recursos habituais.

Segundo o Observatorio contra a Violencia Doméstica e de Xénero, no verán de 2010, rexistráronse 1.200 chamadas ao 016. En 2020, a cifra aumentaba a máis de 3.500. Femupo entende que esa cifra mostra unha crecente conciencia social e confianza para denunciar os actos, ademais dunha "persistente e inquietante necesidade de intervención e cambio".

A Federación reclama accións efectivas que axuden a erradicar "este grave mal social". Raquel Touriño, presidenta de Femupo, pide "responsabilidade e solidariedade, apoiando ás vítimas e traballando para cambiar esta realidade".

Lembran que a entidade dispón de servizos e recursos para denunciar calquera forma de violencia ou de discriminación, e tamén para apoiar ás vítimas destes actos. "Este verán, máis que nunca, queremos que a violencia de xénero sexa un tema do pasado", afirma Touriño indicando que a igualdade e o respecto deben constituír o presente e o futuro.