O traslado da fábrica de Ence fóra do seu actual emprazamento en Pontevedra sería "más fácil", segundo Teresa Ribera, se a pasteira aceptase irse a áreas que o Goberno cualificou como "zonas de transición justa", é dicir a Cerceda ou As Pontes.
Aínda que a vicepresidenta terceira do Goberno e ministra para a Transición Ecolóxica non citou estas dúas localidades coruñesas, o certo é que, segundo o xornal Praza Pública, só esas dúas zonas de Galicia contan con esa declaración.
Debido ao peche programado das centrais térmicas das Pontes e Meirama (Cerceda), estes territorios contarán con máis "recursos financeiros" dispoñibles, entre eles fondos europeos, para reactivar proxectos industriais encamiñados á transición enerxética.
Ribera, que se reuniu nas últimas horas con Feijóo, reitera que "afortunadamente" aínda se chega a tempo para que o traslado de Ence sexa dentro de Galicia, polo que pediu a implicación da Xunta para buscar novos emprazamentos para a pasteira.
Iso si, o presidente da Xunta volveu a defender a adscrición dos terreos que ocupa a pasteira na ría de Pontevedra ao Porto de Marín.
Núñez Feijóo expresou á ministra a súa "preocupación" polo futuro da fábrica e dos seus traballadores e incidiu en que os galegos "non podemos quedarnos sen industria pasteira".
Por iso, pediu o respaldo do Goberno á proposta presentada polo porto para "dar cobertura xurídica e no ámbito da legalidade" á empresa de forma que poida mesmo ampliar a súa actividade coa transformación de "produtos derivados do papel".
Ante esta solicitude, Teresa Ribera asegurou que trasladará esta demanda ao ministerio responsable da xestión portuaria aínda que recomendou "pensar en otras alternativas dentro de Galicia" se a opción que propón a Xunta "no fuese viable".
O PP DE PONTEVEDRA NON QUERE OUTRO EMPRAZAMENTO
Tras o dito onte pola ministra Ribera, pedindo a "implicación" de concellos interesados en acoller a fábrica de Ence, o PP de Pontevedra reiterou esta mañá que "no queremos otro emplazamiento sino que se quede aquí".
A edil Pepa Pardo subliñou que, se vaia onde se vaia, "Pontevedra pierde", polo que insistiu en que os populares defenderán que os traballadores "sigan viviendo y comprando en Pontevedra" e que "no tengan que emigrar o perder sus empleos".
Para o PP, a "única alternativa real" ao mantemento dos postos de traballo é a adscrición de Ence ao porto de Marín, polo que esixen ao Goberno que, antes de falar doutras opcións, "se pronuncie primero" sobre esa proposta.