Feijóo cre que hai "bastantes posibilidades" de que o Supremo avale manter a ENCE en Pontevedra

Pontevedra
24 de marzo 2022

Feijóo considera que o peche da pasteira tería "un impacto similar ao que padece a Mariña lucense polo peche das cubas de Alcoa"

Alberto Núñez Feijóo, presidente da Xunta de Galicia
Alberto Núñez Feijóo, presidente da Xunta de Galicia / Mónica Patxot

O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, cre que hai "bastantes posibilidades" de que o Tribunal Supremo sentencie a favor de manter a actividade da fábrica de Ence en Pontevedra como consecuencia do impacto económico e social que supoñería deixar sen efecto a concesión.

Na rolda de prensa posterior á reunión do Consello de Goberno da Xunta, que este xoves se celebrou en Pontevedra, Núñez Feijóo respondeu ás preguntas de xornalistas diferenciando a sentenza da Audiencia Nacional pola fábrica de Lourizán da recente sentenza dos terreos da antiga Pontesa cuxa concesión por 20 anos acaba de ser anulada por este mesmo tribunal.

"Todo parece indicar", dixo Feijóo, que no caso dos terreos da antiga Pontesa, se trata dunhas naves que "se dedicaban a almacén".

"Unha cousa é un almacén e outra unha industria que dá traballo a centenares de persoas, comprenderá que ocupar o dominio público para unha cousa é unha cousa e, ocupar para unha industria consolidada desde hai décadas, son cousas distintas", sostivo.

Feijóo insistiu en que "o ben xurídico protexido é distinto" e aínda que engadiu que "non imos prexulgar que vai dicir o Tribunal Supremo", lembra que hai unha sentenza "parecida" en Murcia na que o Supremo se manifesta a favor de manter a actividade polo impacto económico e social que supoñería deixar sen efecto a concesión.

O presidente da Xunta alertou de que se se rescinde a concesión Pontevedra quedaría "sen a primeira industria da zona" e unhas "4.000 familias van ter dificultades para vender madeira, varias decenas de transportistas quedarán sen traballo e perderemos o 50% da actividade do Porto de Marín".

En resumo, segundo o presidente galego, o peche da fábrica de Lourizán tería "un impacto similar ao que padece a Mariña lucense polo peche das cubas de Alcoa".

"Por tanto, estamos ante unha eventualidade de enorme risco social, económico e industrial para a cidade de Pontevedra, pero imos ver o que di o Tribunal Supremo", incidiu para sinalar que "despois de ver a sentenza de Murcia, hai bastantes posibilidades de que o Supremo manteña os mesmos criterios ou similares".

Por último, Feijóo engadiu que "eu levo algún tempo na administración pública e nunca vin unha instrución á Avogacía do Estado para que non se defenda ao Estado nun preito. É coma se nós damos unha instrución á Asesoría Xurídica da Xunta para que non defenda á Xunta cando a Xunta é condenada", criticou.

Por todo iso, sostivo que ou ben o avogado do Estado que fixo inicialmente un informe favorable para a concesión "non estaba a defender correctamente" ou o avogado do Estado actualmente "está a ir en contra do criterio da avogacía do Estado anterior".

"O que non pode ser é estar a favor e en contra no mesmo suposto", subliñou.

Arquivado en