O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, aclarou a postura do Goberno galego sobre o futuro da fábrica de Ence na ría de Pontevedra tras a sentenza da Audiencia Nacional que anula a prórroga da concesión en terreos de dominio público.
Na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta, Núñez Feijóo defendeu que "vamos a seguir co noso plantexamento de que se hai fondos europeos e se pode trasladar a pasteira, fantástico".
Dito isto, o titular do Executivo autonómico engadiu que "se o Goberno non quere destinar fondos europeos para ese traslado o entendo. Pero o que non podemos, en ningún caso, é que o Goberno nos bote e nos peche unha industria máis, porque xa leva pechadas varias. Esa é a nosa posición".
Feijóo reiterou que "nós non podemos, neste momento, pechar a única pasteira que temos en Galicia" xa que a nosa comunidade, tal e como lembrou, é "unha das dez potencias europeas en produción de madeira".
"Na nosa opinión en Galicia caben dúas pasteiras"
"Se vén outra pasteira, que se Ence ou doutra marca, que queira poñer unha instalación en Galicia nós ímoslle a abrir as portas", dixo o presidente da Xunta. "Na nosa opinión en Galicia caben dúas pasteiras", engadiu.
"De pasar de dúas que caben a non ter ningunha, comprenderá, nós non nos apuntamos a esa demagoxia", manifestou Núñez Feijóo.
"Non nos gusta o lugar onde está Ence, por suposto. Cumple a normativa? si. Nos gusta o lugar? non. A demagoxia hai que deixala sempre do debate político sobre todo cando estamos xogando con miles de empregos e miles de familias e miles de propietarios de madeira", insistiu.