Ethel Vázquez, sobre o antigo emisario da depuradora: "Non vemos impedimento para que o poida utilizar ENCE"

Pontevedra
15 de febreiro 2023

A conselleira de Infraestruturas explicaba este mércores nunha visita á parroquia de Santo André de Xeve que este emisario actualmente compartido pola fábrica de Lourizán e a depuradora dos Praceres poderá ser empregada pola empresa pasteira someténdose aos tributos establecidos para o seu uso, unha vez que conclúan as obras de instalación do novo emisario da EDAR na ría

Visita de Ethel Vázquez, conselleira de Infraestruturas, ás obras de mellora da depuradora dos Praceres e construción do emisario submarino
Visita de Ethel Vázquez, conselleira de Infraestruturas, ás obras de mellora da depuradora dos Praceres e construción do emisario submarino / Mónica Patxot - Arquivo

Ethel Vázquez, conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, afirmaba este mércores na súa visita á parroquia pontevedresa de Santo André de Xeve que a Xunta de Galicia está aberta a negociar a utilización do antigo emisario submarino da Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR) dos Praceres para que o utilice exclusivamente a fábrica pasteira de Ence, unha vez que se confirmou a presenza da factoría ata 2073 na ría pontevedresa.

Actualmente esta condución de verteduras era compartida pola EDAR e pola empresa instalada en Lourizán. A intención por parte da administración autonómica é que, unha vez que conclúan os traballos de instalación do novo emisario, esta infraestrutura poida ser empregada por Ence para as súas emisións.

Segundo sinalou a representante autonómica "a infraestrutura está a disposición das necesidades que xurdan en materia de vertidos á ría" afirmando que é unha instalación á que se dará utilidade. "Non vemos impedimento para que o poida utilizar Ence. Está executada e hai que buscarlle o uso máis adecuado porque é util", explicou a preguntas dos medios de comunicación.

Sobre o prezo do uso do emisario, a conselleira avanzou que "Ence como calquera industria e calquera actividade económica que utiliza auga e verte auga está sometida a coeficientes de vertedura e canons estipulados". Aclarou que, no caso de que se materialice esta proposta, a empresa deberá someterse aos tributos que conleva o consumo ou a vertedura como calquera outra actividade industrial.