Ethel Vázquez destaca o "salto de xigante" na calidade da auga da ría tras a mellora da depuradora

Pontevedra
12 de xullo 2022

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, visitou este martes á depuradora dos Praceres, onde tivo lugar a recepción das obras e a posta en servizo definitiva da mellora levada a cabo e que supón, segundo valorou, un "salto de xigante" na calidade da auga da ría de Pontevedra ao conseguir eliminar de media o 90% dos contaminantes

Ethel Vázquez visitou a EDAR dos Praceres
Ethel Vázquez visitou a EDAR dos Praceres / Mónica Patxot

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, visitou este martes a depuradora dos Praceres, onde tivo lugar a recepción das obras e a posta en servizo definitiva da mellora levada a cabo e que supón, segundo valorou, un "salto de xigante" na calidade da auga da ría de Pontevedra ao conseguir eliminar de media o 90% dos contaminantes.

Acompañada polo director da obra, Jean Pierre Blanco, a conselleira salientou que os traballos executados, xunto cos do novo emisario submarino, supoñen "un antes e un despois" na mellora da calidade das augas da ría, "e polo tanto, na forma de protexer a actividade marisqueira, a calidade ambiental e a actividade turística".

As obras acometidas na depuradora, cun investimento de 16,5 millóns de euros, centráronse na mellora da liña de auga co fin de dar cumprimento aos límites de vertido que marca a lexislación europea.

Os traballos permitiron, non só cumprir cos parámetros esixidos para o vertido da auga á ría de Pontevedra, senón tamén situalos entre un 60 e un 80% por debaixo dos límites establecidos.

A actuación acometida na depuradora de Pontevedra supuxo a remodelación do tratamento secundario, para garantir a correcta depuración dun caudal de 900 litros por segundo de auga. Tamén se ampliou a liña de lodos para ter en conta as novas achegas e se realizaron accións previas que permitiron manter en todo momento activa a depuradora durante as obras.

Tras executar as actuacións, houbo unha fase de probas para a súa posta en servizo, que comezou hai 12 meses. Este proceso supuxo un estrito seguimento dos parámetros de auga depurada, que levou ao cumprimento dos chamados criterios de "rendemento e de continuidade".

Ethel Vázquez reiterou que todas as análises realizadas das augas depuradas durante a fase de posta en marcha amosaron "unha mellora substancial na eficacia do proceso de depuración tras a mellora executada".

Destacou que tamén en canto a nutrientes, fósforo e nitróxeno, se cumpren os obxectivos ambientais da ría, "mesmo superándose os establecidos". Así, mentres coas anteriores instalacións os resultados obtidos eran mínimos, agora alcánzase o 50% de eliminación.

EMISARIO SUBMARINO

Por outra parte, a conselleira engadiu á mellora da depuradora outra obra en marcha, a do emisario submarino, cun orzamento de 12 millóns de euros para optimizar a saída das augas depuradas e non afectar nin á actividade extractiva nin ao baño.

Apuntou que as obras avanzan a bo ritmo, cun grao de execución actual que supera o 45%, polo que se prevén rematar e poñelas en marcha este mesmo ano, completando un investimento de case 30 M€ na mellora do saneamento da ría de Pontevedra.

Esta intervencións están cofinanciadas pola Unión Europea a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER).

 

 

Arquivado en