Ethel Vázquez, conselleira de Infraestruturas, anuncia que o novo emisario submarino funcionará plenamente a finais de mes

Pontevedra
08 de setembro 2023

A representante da Xunta afirmaba este venres que o luns 11 está previsto que se realice a conexión entre o emisario antigo e o novo para o paso das augas residuais e afrontar a comunicación coa planta

Obras do novo emisario submarino
Obras do novo emisario submarino / Xunta de Galicia

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, anunciaba este venres que as obras do emisario submarino da depuradora dos Praceres, na ría de Pontevedra, xa se atopan finalizadas e en período de probas.

Está previsto que o luns se acometa o corte para afrontar a conexión do emisario antigo co novo e establecer as probas de comunicación coa planta, segundo indicaron desde a consellería.

Ao longo da próxima semana continuarán as probas xa coa auga residual circulando pola nova canalización. A finais deste mes de setembro, a Xunta de Galicia espera que a infraestrutura se atope a pleno rendemento.

En canto ao antigo emisario, Ethel Vázquez reiterou de que permanecerá na ría ao dispor de quen queira conectarse, abrindo esa opción á empresa Ence.

O investimento realizado no novo emisario supera os 12 millóns de euros e, segundo a Xunta de Galicia, busca mellorar a saída das augas depuradas, optimizando a dilución e a dispersión de maneira que non afecte a actividade extractiva ou o baño.

Arquivado en