A Xunta convoca este luns o concurso público de medio millón de metros cadrados de solo industrial con bonificacións que van do 15% ata o 50%. O prazo para presentar solicitudes será dun mes e, unha vez resolto, as parcelas que non foran adxudicadas poderán facelo de forma directa polo mesmo prezo que rexeu en concurso.
A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Ethel Vázquez, adiantou que tras esta bonificación de solo propiedade de Xestur, no vindeiro mes de marzo activarase unha segunda fase coa oferta das parcelas do Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS).
A responsable de Territorio visitou este luns a nave que a conserveira Orbe está a construír no parque empresarial da Reigosa, en Ponte Caldelas, onde destacou que estas rebaixas nos importes do solo pretende facilitar o acceso ás parcelas e "dinamizar a economía e o emprego dos concellos galegos".
Perfecto Rodríguez afirmou que "o solo industrial da Reigosa é 30 euros máis barato que Barro Meis"
O alcalde de Ponte Caldelas, Perfecto Rodríguez, destacou a importancia desta rebaixa no polígono industrial da Reigosa porque "agora aquí as parcelas están dende os sesenta e pico euros o metros cadrado ata os oitenta, cando este parque se comezou vendendo por riba dos 90 euros o metro cadrado". Perfecto Rodríguez afirmou que "o solo industrial da Reigosa é 30 euros máis barato que Barro Meis".
CONSERVEIRA ORBE
Ethel Vázquez explicou que a empresa Orbe dedicada á fabricación de conservas ten unha "vocación exportadora" e a expansión industrial que está a impulsar levárona a implantarse no polígono da Reigosa. Para iso, a conserveira adquiriu unha parcela de 15.000 metros cadrados para construír unha nave industrial na que inviste máis de 8 millóns de euros e que dará emprego a preto de 200 persoas. Ademais, fixo unha reserva para a compra doutros 10.000 metros cadrados nunha parcela colindante, de cara a ampliar espazo no futuro.
A titular de Infraestruturas salientou que a implantación desta industria servirá para atraer novas empresas e novos investimentos a este parque empresarial, que foi desenvolvido polo Goberno galego mediante un investimento de 30 millóns de euros. O polígono conta cunha superficie total de medio millón de metros cadrados e máis da metade das parcelas dispoñibles xa están vendidas ou reservadas.