Ethel Vázquez, conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, visitaba este mércores os traballos acometidos durante os últimos meses para a creación do novo colector e a estación de bombeo de Marín.
Acompañada pola alcaldesa María Ramallo, a conselleira repasou a execución das obras que concluíron coa instalación de 1,2 quilómetros de novas canalizacións. Ethel Vázquez explicou que o investimento de 3,1 millóns de euros realizada con fondos europeos Feder permite que a obra exerza un papel fundamental para o bo funcionamento do sistema de saneamento da vila e evitar que se produzan vertidos sen depurar ás augas do fondo da ría.
O novo colector xeral conta con máis capacidade e recollerá as augas residuais de Marín atravesando a avenida de Ourense en dirección ás instalacións portuarias. Na zona do porto construíuse a nova estación de bombeo de augas residuais, cun depósito de retención de 1.500 metros cúbicos de capacidade. Con este sistema, os días de choivas abundantes almacenaranse as augas máis sucias antes de ser enviadas á depuradora. A estación poderá ampliarse no futuro porque se deixou espazo no caso de que sexa necesario.
A estación recolle as augas do colector do porto de Marín e ademais contará con outras canalizacións para alivio e para acoller augas residuais ata a depuradora, segundo explicaba a conselleira.
Unha vez que se terminaron os principais traballos, só queda a subministración eléctrica para realizar as probas dos equipos instalados. Unha vez que se leve a cabo este paso, a obra será entregada ao Concello de Marín.
Ethel Vázquez tamén destacaba que esta actuación permitirá evitar infiltracións de auga do mar na rede de saneamento de Marín, ademais de ofrecer un impulso na tarefa de coidado da ría. Apuntou que a Xunta está a investir 45 millóns de euros no saneamento local da ría de Pontevedra con obras como a polémica estación depuradora de augas residuais dos Praceres.