Estriceres alerta do mal cheiro e o ruído que causa a reformada depuradora de Praceres

Pontevedra
07 de setembro 2022

A asociación veciñal Estriceres denuncia publicamente esta situación asegurando que estes problemas son "moito peores que os que había antes das obras" e afectan á calidade da vida da veciñanza da zona. Reclaman á Xunta de Galicia a construción dunha cuberta que evite ou reduza os cheiros e a dispersión de patóxenos

Ethel Vázquez, conselleira de Infraestruturas, na visita de xullo ás reformas na depuradora de Praceres
Ethel Vázquez, conselleira de Infraestruturas, na visita de xullo ás reformas na depuradora de Praceres / Xunta de Galicia

A asociación veciñal Estriceres emitiu un comunicado para denunciar publicamente os malos cheiros e o ruído que producen as instalacións da estación depuradora (EDAR) dos Praceres, despois de que finalizasen os traballos de mellora deste espazo en xullo deste 2022.

Segundo indica este colectivo veciñal, os problemas de cheiro e ruído son agora "moito peores" que os existentes antes de executarse as obras. Estriceres lembra que as persoas residentes en Lourizán levan anos soportando os prexuízos da presenza da depuradora a escasos metros das casas, pero tras as obras sinalan que algúns días resultan "insoportables" estas incidencias.

O movemento veciñal aclara que non se presentaron alegacións a este proxecto de mellora ao entender que era unha solución a curto prazo, "un parche para mellorar o saneamento e a saúde da ría" pero entenden agora que o resultado é moi negativo para a calidade de vida da veciñanza xa moi deteriorado de antemán a pesar de que o proxecto expoñía que "se espera un efecto positivo xa que coas novas instalacións de tratamento de augas lograrase unha mellora en canto a ruídos, cheiros e calidade de aire respecto a a situación actual".

Acusan á Xunta de Galicia de despreocuparse da veciñanza de Lourizán e manifestan a súa oposición á ampliación da EDAR, que supoñería "triplicar" a actual depuradora.

Desde Estriceres reclaman a construción dunha cuberta que evite ou palíe os cheiros, os efectos que poida provocar no proceso de aireación e, en particular, a dispersión de patóxenos. Insisten tamén na necesidade de realizar un plan integral de saneamento da ría que, segundo expoñen, pasaría por cambiar o modelo de macrodepuradora e por sacar a EDAR actual do dominio público marítimo terrestre en Lourizán atendendo á Lei de Cambio Climático. A asociación lembra que estas instalacións atópanse nunha zona inundable.

O colectivo veciñal remite unha fotografía na que indican que un dos operarios se atopa baldeando con auga os excrementos que o tanque de lodos expulsou días atrás, "despois dunha obra de máis de 16 millóns de euros", lembran os afectados.