"Esperanza" de Lores e Ethel Vázquez para que a variante de Alba "nos convenza a todos"

Pontevedra
16 de febreiro 2021

Estando en Alba, nin un nin outro podían escapar á pregunta. Que pasa coa variante? Miguel Anxo Fernández Lores e Ethel Vázquez abordaron este martes o estado no que se atopa esta ansiada actuación, prevista para unir a estrada PO-531 e a N-550

Miguel Anxo Fernández Lores e Ethel Vázquez, en Alba
Miguel Anxo Fernández Lores e Ethel Vázquez, en Alba / Mónica Patxot

Estando en Alba, nin un nin outro podían escapar á pregunta. Que pasa coa variante? Miguel Anxo Fernández Lores e Ethel Vázquez abordaron este martes o estado no que se atopa esta ansiada actuación, prevista para unir a estrada PO-531 e a N-550.

Ambos coincidiron na necesidade de retomar o diálogo para desbloquear esta variante e buscar unha alternativa que "nos convenza a todos", sinalou a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade. O obxectivo, buscar un "trazado de consenso".

O rexedor pontevedrés reclamou, como xa fixera na súa reunión co presidente da Xunta, que se retome este proxecto pero cun "enfoque diferente".

Fernández Lores reiterou que a variante ten que ser "operativa" para todos os usuarios e contar con itinerarios peonís e elementos de acougado de tráfico. O trazado proposto pola Xunta era, segundo lembrou, "especialmente impactante" sobre o territorio.

O alcalde, que mostrou a súa "esperanza" para chegar a un acordo, entende que é posible "abaratar" o proxecto e permitir unha mellor mobilidade para vehículos, peóns e ciclistas. Para iso, puxo o exemplo da recente Rolda Leste de acceso a Montecelo.

A este respecto, Ethel Vázquez apuntou que esta estrada ten que "garantir" tanto a súa funcionalidade como a súa seguridade viaria e, ao mesmo tempo, ter o "menor impacto" territorial posible e contar coa "pertinente e imprescindible" autorización de Estradas do Estado.

"Os investimentos son para solucionar problemas e non para crealos", engadiu a titular de Infraestruturas no goberno galego, que lembrou o "compromiso adquirido" da Xunta con Pontevedra para executar esta variante.

Arquivado en