Nada une máis que un inimigo común. Que llo digan aos veciños de Pontevedra que conseguiron salvar as súas históricas diferenzas ao atopar algo no que si están de acordo: un crematorio non se pode instalar no medio das casas.
As asociacións de veciños Manuel Quiroga-Pedra do Lagarto, Arzobispo Malvar, Avenida Uruguay, Ponte Nova, Santa María e as Federacións de asociacións de veciños Castelao e Boa Vila, así como o Centro Comercial urbano Zona Monumental , conforman este movemento cidadán.
Todos estes colectivos subscribiron un comunicado conxunto no que trasladan a súa preocupación ante os acontecementos, as noticias, declaracións e comunicados que viñeron desenvolvéndose na nosa cidade con motivo da "desproporcionada carreira empresarial das mercantiles funerarias", interesadas en instalar catro hornos crematorios urbanos.
No seu comunicado destacan que estas funerarias chegaron a interesarse por unha parcela no centro de histórico da nosa cidade, "sen que os poderes públicos desmintan de modo categórico a prohibición da súa instalación en dita ubicación".
Ante a "alarma social e a inseguridade xurídica creada nestes días", estes colectivos vecinales teceron unha estratexia común en aras de que os poderes públicos, tomen dunha vez por todas, de modo conxunto, no ámbito das súas competencias, unha decisión que regule a instalación destas industrias incineradoras cando menos nun radio de acción de mais de cincocentos metros das zonas onde se atopen as vivendas unifamiliares, establecendo así unha servidume de protección medioambiental preservando a saúde dos veciños desta cidade.
Instan a que se paralicen de modo cautelar os procedementos administrativos iniciados
Estes veciños demandan das autoridades "unha resposta clara e contundente, sen tintes políticos, defendendo única e exclusivamente a saúde pública e a orde urbanística desta nosa cidade", sinala o seu comunicado.
"Instamos ás autoridades municipais competentes na materia, moi especialmente á concellaría de Urbanismo a paralizar de modo cautelar os procedementos administrativos iniciados e así mesmo a suspender calquera posible solicitude de licenza que puidese instarse nos próximos días".
Do mesmo xeito apelan ao "sentido común", das empresas funerarias para que "reformulen as súas propostas de ubicación e, sen prexuízo dos seus intereses empresariais, adopten as medidas necesarias para que a instalación das súas industrias sexa a menor dano ao resto dos seus veciños".
Finalmente aproveitan o comunicado para facer un chamamento a toda a cidadanía para que sexan conscientes de que este é "un problema que pode xurdir en calquera punto do noso término municipal urbano ou rural, ante a inseguridade xurídica que padecemos por non estar debidamente regulada a instalación destas industrias incineradoras".