A preocupación exprésase nos rostros dos integrantes do comité de empresa de Elnosa. Quedan seis meses de marxe para que se resolva a situación da factoría química en Lourizán. En decembro deste ano, a empresa clorera terá que abandonar as instalacións na ría de Pontevedra se as administracións non ofrecen unha solución alternativa.
Tras un período de silencio á espera dalgún movemento, os traballadores decidiron suspender as mobilizacións, pero ante o silencio administrativo decidiron retomar as protestas.
Avelino García, presidente do comité de empresa de Elnosa, anunciaba este martes que o sábado 13 de maio a partir das 10.00 horas iniciarán unha manifestación partindo da sede da entidade para, a continuación, concentrarse ante a delegación da Xunta de Galicia en Campolongo, ante o edificio do Concello e, por último, os traballadores acompañados de familiares desprazaranse ata o lugar de Pazos, na parroquia de Marcón, para concentrarse nas proximidades da vivenda do alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores.
Avelino García: "Nós, os traballadores de Elnosa, sufrimos os escraches os 365 días do ano por parte do Concello de Pontevedra"
"Nós, os traballadores de Elnosa, sufrimos os escraches os 365 días do ano por parte do Concello de Pontevedra. Un día que se vaia ás proximidades da casa do alcalde cremos que é necesario", así xustificaba o máximo representante do persoal da cloreira a acción que van levar a cabo e que será a primeira dunha campaña de protestas que se estenderán ao longo dos próximos meses ata que se reverta a situación: "Agora os prazos cada vez son menos. Estamos nunha situación límite".
A empresa atópase á espera de que o Goberno estatal conceda unha prórroga á presenza da fábrica na ría a través da Dirección Xeral de Costas. O expediente atópase paralizado e os representantes sindicais descoñecen o motivo. Reclaman o mesmo tratamento que o que este departamento mantivo con Ence. De feito, as alegacións presentadas pola empresa química son as mesmas que as da pasteira.
Este paso sería fundamental para poder obter a autorización ambiental integrada, que concede a Xunta. Na administración autonómica tamén se atopan á espera de que a CUF, a propietaria de Elnosa, presente o plan sectorial definitivo que lles permita obter un carácter supramunicipal, como obtivo Ence no seu momento para evitar os impedimentos desde o goberno do Concello de Pontevedra.
En todo caso, José Luis García Pedrosa, secretario de organización de Comisións Obreiras, sinalaba que para realizar novas obras na factoría química é necesaria a licenza municipal. Por este motivo xustificaba que se siga realizando presión contra o alcalde nacionalista.
Os representantes sindicais solicitarán unha entrevista coa subdelegada do Goberno, Ana Ortiz, cos conselleiros de Medio Ambiente e de Industria, ademais de con a dirección do grupo CUF en Portugal. A empresa lusa baralla, segundo Avelino García, todas as posibilidades de cara ao futuro malia que mantén a súa pretensión de investir 50 millóns de euros en Pontevedra para eliminar o mercurio no proceso de elaboración do cloro, tal e como establece a normativa europea.