Entrada de Soutomaior na rede de oficinas de turismo Info Ríasbaixas

Soutomaior
19 de marzo 2024
Actualizado: 30 de setembro

O goberno local amosa a súa satisfacción porque agora o Concello terá acceso a axudas para a contratación de persoal deste sector e obter máis recursos para a promoción do potencial turístico do municipio

Oficina de turismo de Soutomaior Concello de Soutomaior

O Concello de Soutomaior recibiu a confirmación do seu ingreso na Rede de Oficinas de Turismo 'Info Ríasbaixas', unha aceptación que foi moi ben acollida polo goberno local ao entender que conlevará numerosos beneficios para o municipio.

Desta forma, o goberno que lidera Manu Lourenzo considera que se accederá a axudas para contratar persoal deste sector e para obter recursos que permitan promocionar Soutomaior como destino turístico.

Ademais, o Concello recibirá datos máis completos que ata o de agora sobre o fluxo turístico nas Rías Baixas. Esta información permitirá desenvolver campañas e actividades turísticas enfocadas na economía local para atraer aos visitantes.

Silvia Cernadas, concelleira de Turismo, recoñecía a importancia desta inclusión para mellorar a promoción turística. "Seguimos traballando para que o turismo reverta economicamente no noso comercio local", apuntou tras coñecer a noticia.

En 2023 trasladábase a Oficina de Turismo ao barrio da Feira, na entrada do Camiño de Santiago portugués ao municipio. Unha decisión que, segundo a concelleira, foi positiva segundo os datos de atención turística obtidas durante o ano, con preto de 4.000 visitas durante o verán, e sinalan que seguirán a traballar nesta liña.