Entra en vigor a suspensión de licenzas para crematorios durante un ano

Pontevedra
21 de decembro 2012

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe o anuncio do Concello de Pontevedra sobre a suspensión de licenzas, por un período dun ano, para instalacións de crematorios de cadáveres. A publicación cumplimenta o requisito de eficacia do acto administrativo, polo que a suspensión entrará en vigor mañá, día 22 de decembro

Reunión de Antón Louro cos colectivos veciñais  afectados polos crematorios
Reunión de Antón Louro cos colectivos veciñais afectados polos crematorios /

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe o anuncio do Concello de Pontevedra sobre a suspensión de licenzas, por un período dun ano, para instalacións de crematorios de cadáveres. A publicación cumplimenta o requisito de eficacia do acto administrativo, polo que a suspensión entrará en vigor mañá, día 22 de decembro.

A Concellería de Urbanismo dispón agora dun ano para presentar unha modificación do Plan Xeral de Ordenación Urbana que regule as condicións nas que se outorgarán as licenzas para este tipo de instalacións.

Tras este novo trámite, o concelleiro de Urbanismo, Antón Louro, pide "tranquilidade e sentido común" a todas as partes implicadas nesta materia para que o resultado final sexa que Pontevedra regule adecuadamente esta cuestión, "facendo compatible os lexítimos dereitos dos veciños alarmados pola proliferación de proxectos xurdidos nos últimos meses, e o interese xeral da cidade para dotarse dun servizo do que ata o de agora carece".

"Trátase dunha cuestión que está encauzada e a demagoxia, aínda que poida ser tentadora para quen a practica, non achega nada", recorda Louro.